A Galiza será a única autonomía que perde emprego en 2023, segundo BBVA

O PIB galego experimentaría o menor crecemento do Estado español.
Factoría de Stellatis en Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Factoría de Stellatis en Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

A Galiza sería, segundo as previsións publicadas esta quinta feira no último informe de BBVA Research, a autonomía do conxunto do Estado español co menor crecemento económico en 2023.

Por outra parte, o mercado laboral da Galiza rexistraría a peor evolución a nivel do conxunto do Estado español en canto a creación de postos de traballo, sendo o único territorio que destruiría emprego.

Segundo os datos deste informe, prevese que o Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza en 2023 experimente un aumento de 0,5%, mentres que o incremento do PIB estatal sería de 1,2%.

Unhas taxas previstas no informe de BBVA que, de cumprirse, deixarían unha evolución económica da Galiza até sete décimas porcentuais por baixo do avance no conxunto do Estado español.

En materia de emprego, BBVA prevé un aumento de postos de traballo en todas as autonomías do Estado español, coa excepción da Galiza, que destruiría até 0,7% dos postos de traballo actuais. Pola contra, a nivel estatal, o número de empregos incrementaría 1,1%.

Con respecto ás previsións de crecemento do PIB ao remate do presente ano, a Galiza tampouco sae ben parada da súa comparanza co conxunto do Estado. Deste modo, mentres o informe estima que o crecemento español ficará finalmente en 4,6%, a economía galega experimentaría en 2022 un medre dun punto porcentual menos, quedando en 3,6%.

Porén, do informe de BBVA Research extráese tamén un dato positivo para a Galiza, pois foi a terceira autonomía na que máis aumentaron os salarios pactados por convenio, en 3,8% con datos até o mes de outubro, tan só por detrás de Euskadi (4,8%) e Nafarroa (4,5%).

Para Francisco González Sío, secretario confederal de Emprego da CIG, a maior suba nos convenios na Galiza, Nafarroa e Euskadi, "cun sindicalismo nacionalista hexemónico nos seus respectivos territorios”, é "resultado da mobilización social".

Comentarios