O FMI prevé un 2023 "máis difícil" e coa "metade da UE en recesión"

Kristalina Georgieva, directora xerente do FMI, adianta unha contracción a nivel global.
A directora xerente do FMI, Kristalina Georgieva (Foto: Benedikt von Loebell / DPA).
photo_camera A directora xerente do FMI, Kristalina Georgieva (Foto: Benedikt von Loebell / DPA).

A maior parte da economía mundial enfrontarase en 2023 a un ano "máis difícil" do que foi 2022 debido á desaceleración compaxinada dos Estados Unidos de América (EUA), a Unión Europea (UE) e a China, as tres maiores economías mundiais, segundo advertiu esta segunda feira a directora xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI), Kristalina Georgieva.

"Para a maior parte da economía mundial, este será un ano difícil, máis difícil que o ano que deixamos atrás. Por que? Porque as tres grandes economías estanse desacelerando simultaneamente", indicou a economista búlgara á CBS nunha entrevista.

Segundo a directora xerente do FMI, a dos EUA é unha economía máis resistente e pode evitar o decremento enonómico, mentres que "a metade da UE estará en recesión o próximo ano".

Georgieva anticipou a contracción dun terzo da economía a nivel mundial e o freo do crecemento global até unha taxa de polo menos 2,7% o próximo ano, cando en 2021 foi de 6% e de 3,2% en 2020.

"Iso tradúcese en tendencias negativas a nivel mundial", advertiu en referencia aos mercados emerxentes e as economías en desenvolvemento, "onde o panorama é aínda máis grave", xa que, ademais, "golpéanlles as altas taxas de xuro e a apreciación do dólar", o que no caso daquelas economías cun alto nivel de débeda, "é unha devastación".

Agárdanse novas subas dos prezos da enerxía

O ministro alemán de Finanzas, Christian Lindner, cre que os elevados prezos da enerxía converteranse "nunha nova realidade". O nivel de prezos da enerxía "seguirá sendo máis alto, pero sen picos ruinosos", dado que "o gas das terminais de gas natural licuado (GNL) é máis caro que o dos gasodutos rusos por razóns loxísticas", explicou o ministro alemán a Bild nunha entrevista.

Neste sentido, o prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista do Estado español subirá esta terza feira 26,7% con respecto á segunda feira, alcanzando 144,73 euros por megawatt hora, o prezo máis alto desde o 17 de decembro.

Comentarios