O freo da economía galega contrasta coa situación española e portuguesa

O crecemento económico da Galiza fica a dous puntos porcentuais do estatal.
Fernández González Laxe coordinou o informe do Foro Económico (Foto: Foro Económico de Galicia).
photo_camera Fernández González Laxe coordinou o informe do Foro Económico (Foto: Foro Económico de Galicia).

O Foro Económico de Galicia detecta unha "acusada" desaceleración da economía galega no seu informe do terceiro trimestre de 2022, pois crece "moi por baixo" dos Estados español e portugués, polo que se está "desacoplando" do avance estatal.

O economista Fernando González Laxe apuntou que existe un diferencial de dous puntos porcentuais entre o Produto Interior Bruto (PIB) galego e o do Estado español, algo que non ocorría "desde hai tempo".

Aínda que a mediados de 2022 diferentes organismos "proclamaban a apocalipse", valorou que o Estado español conseguiu sortear a recesión. Porén, dixo, "no caso galego obsérvase unha retardación respecto á puxanza da economía a nivel estatal".

A este respecto, apuntou que as previsións do Instituto Galego de Estatística (IGE) de crecemento estaban na contorna de 3,5% na Galiza e de 5,5% no Estado español para o fechamento de 2022, "cun 'gap' de dous puntos porcentuais, moito". Aquí identifícase "un peor comportamento da demanda interna no caso galego", sentenciou.

Tamén González Laxe sinala que a Galiza ten que "xogar con maior produción industrial en mercados distintos que exclusivamente no francés e no portugués", pois bota en falta sectores de "arrastre" para "crecer moito". Chama a apostar por alimentación especializada en 'bio' ou produtos medicalizados.

Pola súa parte, José Francisco Armesto, economista do Foro Económico de Galicia, afirmou que contrasta que a demanda interna creza no Estado español mentres se detrae en 2,1 puntos na Galiza. Ademais, cae o consumo dos fogares galegos, mentres sobe no Estado, sinalou Armesto. E a iso súmase que o investimento das Administracións é "notabelmente inferior" na Galiza, dixo.

Patricio Sánchez, tamén economista do Foro Económico de Galicia, detallou que a Galiza computa "unha das peores situacións" entre autonomías do Estado español en taxas de actividade e ocupación no terceiro trimestre. 

Xunto a isto, o Foro desenvolveu un estudo sobre dixitalización no que a Galiza ocupa o último lugar entre autonomías en 10 das 16 variábeis avaliadas.

Comentarios