O Ministerio saúda a entrada alemá no plan do corredor do hidróxeno

O territorio galego fica fóra da infraestrutura, a pesar da petición de todos os partidos con representación no Parlamento galego, incluído o PSdeG, da rectificación desta decisión.
A ministra española de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera A ministra española de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica do Estado español, Teresa Ribera, cualificou de "importante" que Alemaña se sume ao corredor europeo do hidróxeno impulsado polos Estados portugués, español e francés. 

"Desde o punto de vista xeopolítico, de interconexións e da aposta tecnolóxica é importante ese sinal de Alemaña, que implica participar en toda a estrutura de xestión e no financiamento desa infraestrutura", subliñou Ribera nunha entrevista.

A vicepresidenta terceira resaltou que este proxecto exemplifica algo que o Executivo español vén reivindicando: "que as interconexións non poden ser vistas só como un asunto bilateral entre dous Estados que posúen unha infraestrutura, senón como unha vía para reforzar o sistema enerxético da Unión Europea (UE)".

"O paso que deu Alemaña axuda a construír Europa. Estamos a deseñar algo que ten un percorrido por diante, mais que será unha das grandes achegas para descarbonizar procesos industriais", salientou a ministra española, quen remarcou ademais o obxectivo de "dar solvencia ás enerxías renovábeis con enerxías que poidan almacenarse".

Preguntada polo paquete de medidas adoptado por Bruxelas para reducir a dependencia dos combustíbeis rusos, salientou o "esforzo espectacular e o sinal enormemente positivo" que supón cando a UE reacciona unida.

As declaracións de Ribera chegan despois de que Alemaña anunciara o pasado domingo a súa intención de sumarse ao proxecto H2Med que prevé a construción dun conduto de hidróxeno que comunique a península Ibérica co resto da UE.

Desta forma, Berlín comprométese coa "conexión e ampliación da infraestrutura existente e prevista, en particular a ampliación do gasoduto H2Med a Alemaña en estreita cooperación cos socios interesados", segundo explicaba un comunicado conxunto dos Estados francés e alemán.

A Galiza segue excluída

A pesar das palabras de Ribera sobre a importancia deste tipo de interconexións para o futuro enerxético, a Galiza segue excluída dos plans de desenvolvemento da infraestrutura, tendo que esperar a unha potencial segunda fase de ampliación. Todos os partidos con representación no Parlamento da Galiza, incluído o PSdeG, reivindicaron durante o último mes que esta decisión fora rectificada.

Comentarios