O BNG denuncia unha nova "discriminación" co hidróxeno

Néstor Rego chama a facer "unha fronte común" en Madrid pós coñecerse esta segunda feira a concesión das axudas do Estado a catro proxectos de hidróxeno verde, ningún destes na Galiza.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: BNG).
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: BNG).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou "unha nova discriminación" do Goberno español coa Galiza após coñecerse esta segunda feira a concesión das axudas do Estado a catro proxectos de hidróxeno verde, ningún destes na Galiza.

Refírese á anunciada decisión do primeiro Consello de Ministros de 2023 de conceder axudas por valor de 74 millóns a iniciativas localizadas en Andalucía, Euskadi, Nafarroa, Asturies, Castela e León, Catalunya e a Comunidade de Madrid.

Para o deputado nacionalista "neste momento, e a falta do desenvolvemento de mellores alternativas, hai unha aposta no hidróxeno verde como opción para avanzar na descarbonización da economía e para alcanzar os obxectivos fixados de neutralidade climática" polo que "é unha oportunidade para a creación de emprego e o impulso ao tecido produtivo no noso país".

Por este motivo, Rego chama ao resto de deputadas e deputados galegos a facer "unha fronte común" para impedir unha nova discriminación do Goberno español cara á Galiza

O Goberno español reivindica o corredor

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, reivindicou onte nun acto o proxecto de corredor de hidróxeno verde subliñando que o que busca é “lograr que en 2026 este sexa máis barato que o azul”.

Así mesmo, resaltou o corredor de hidróxeno verde H2Med, un proxecto impulsado polos Gobernos de España, Portugal e Francia e que inclúe dúas infraestruturas transfronteirizas, unha entre Celorico da Beira (Portugal) e Zamora, e outra entre Barcelona e Marsella (Francia).

Este proxecto deixa fóra á Galiza, unha cuestión que tamén criticou a Xunta e o conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, a pasada terza feira.

Comentarios