A Galiza fica fóra do corredor de hidróxeno

O Executivo do Estado español deu a coñecer esta sexta feira a concorrencia do corredor de hidróxeno H2Med como Proxecto de Interese Común (PCI) da Unión Europea (UE). Porén, a Galiza fica fóra da planificación desta infraestrutura, que se espera que estea dispoñíbel para o seu funcionamento a partir do ano 2030. Ademais, existe Tensión entre os Estados promotores do H2Med polo transporte de hidróxeno xerado con enerxía nuclear.
O corredor H2Med optará finalmente a ser denominado como Proxector de Interese Común da Unión Europea (Mapa: Nós Diario / Miteco).
photo_camera O corredor H2Med optará finalmente a ser denominado como Proxector de Interese Común da Unión Europea (Mapa: Nós Diario / Miteco).

O H2Med, o primeiro corredor de hidróxeno renovábel da Unión Europea (UE), desenvolto polos Estados portugués, español e francés, foi presentado, segundo informou esta sexta feira o Goberno estatal, á convocatoria para Proxectos de Interese Común (PCI) co fin de recibir financiamento da UE.

Paralelamente, déronse a coñecer os detalles desta infraestrutura, da que ficará excluída a Galiza. O corredor constará dunha conexión por mar entre Barcelona (Catalunya) e Marsella (Francia). 

Da capital catalá partirá o primeiro eixo vertebral estatal, que conectará a cidade condal con con Cartaxena (Murcia) e Xixón (Asturies). Desde Xixón partirá o segundo eixo, que cruzará a península Ibérica até Huelva (Andalucía). Este eixo terá conexións con Zamora (Castelá e León), Puertollano (Castelá-A Mancha) e Celorico da Beira (Portugal).
 

Esta sexta feira tamén se deron a coñecer as localizacións dos potenciais almacéns de hidróxeno desde os que se fornecerá o combustíbel a infraestrutura, que terían como base Cantabria e Euskadi, aínda que estes proxectos terán candidatura independente aos PCI.

Deste modo, a Galiza, onde foi anunciado o financiamento estatal de tres proxectos para a produción de hidróxeno verde -en Vigo, As Pontes e Caldas de Reis-, fica fóra da conexión do corredor para o transporte deste combustíbel. 

Ademais, a falta de conexión con esta infraestrutura significará tamén unha eiva competitiva para o resto de proxectos que foron presentados na Galiza mais que aínda non contan con fondos públicos, os cales supoñen máis de 95% do total, xa que o corredor, segundo sinala o proxecto, "conectará os principais centros de produción do hidróxeno coa demanda doméstica e, grazas ás dúas interconexións, coa demanda do resto da UE".

Alén das tres iniciativas escollidas polo Executivo do Estado español para recibir financiamento público, en xaneiro de 2022 estaban en proxecto outras 69 plantas no territorio galego, ligadas a máis de 50 promotores diferentes.

O corredor de hidróxeno que unirá a Península Ibérica con Francia terá un custo estimado de 2.500 millóns de euros e por el espérase que poidan discorrer a partir de 2030 até dous millóns de toneladas desta enerxía. 

O Executivo estatal afirma que se irán sumando outras localizacións a medida que se desenvolva o proxecto e que creza a produción e demanda de hidróxeno. Porén, a Galiza terá que esperar cando menos até a próxima década, pois non está dentro do primeiro plan, que ten o horizonte do ano 2030 para ser culminado.

O proxecto tamén está a provocar tensión entre os Estados promotores, xa que mentres o presidente francés, Emmanuel Macron, defende o transporte de hidróxeno rosa, producido a partir de enerxía nuclear, os Gobernos español e portugués queren que se limite ao hidróxeno verde, producido con renovábeis.

Comentarios