Opinión

Hidróxeno: novo vector enerxético, vello deseño

Ter datos para obter información que permita planificar e executar as liñas estratéxicas de actuación axeitadas, con elevada probabilidade de acerto, é o esquema básico de traballo en moitos ámbitos, como na saúde: analítica e probas, diagnose e tratamento.

O procedemento tamén é útil e válido para quen goberna ou aspira a facelo, aínda que certo é que, no ámbito político case sempre se detén na planificación cunha esaxerada dose de publicidade e consignas, ademais de "torturar os datos para que confesen".

Mais concretemos. REE publica datos como os balances xeración-demanda de electricidade, que para Galiza, no 2021, dinnos que xeramos un 138% máis do que demandamos, porcentaxe que chega ao 103% só coa xeración renovábel (hidráulica e eólica, cunha pequena achega da fotovoltaica, biomasa e biogás). Estes datos son en cómputo anual, o que quere dicir que non todos os días do ano nin todos os meses temos esta situación.

Un dato máis para información de quen pretenda administrar placebos: o noso consumo anual decreceu nun 24% até maio deste ano a respecto da media 2011-2021, un decrecemento que no Estado foi do 5%. Esta baixada débese, en grande medida, ao efecto Alcoa, mais antes de paralizar San Cibrao o consumo eléctrico na Galiza tiña xa a maior caída do Estado.

Unha das opcións para Galiza sería a de gardar os excedentes de electricidade para cando non os temos; mais na situación descrita, o almacenamento que precisamos sería estacional, polo que os sistemas máis usados coa tecnoloxía actual, baterías e bombeos, precisarían dun complemento. E a aposta é, con matices, o hidróxeno.

Só na Galiza cóntanse 54 proxectos de hidróxeno cunha potencia e produción totais que superarían os obxectivos 2030 fixados para todo o Estado; a escolla para situalos derívase da presenza dos recursos necesarios, auga e electricidade renovábel, e usuarios finais, nos ámbitos máis lóxicos, industria e transporte pesado, seguindo a localización "ideal" de proximidade xeración/demanda enunciada na folla de ruta estatal.

Porén, vimos de coñecer dúas resolucións europeas a outras tantas propostas estatais para os denominados Proxectos Importantes de Interese Común Europeo do Hidróxeno, para toda a cadea de valor da tecnoloxía e para o uso; mais o certo é que os proxectos apoiados pola UE da listaxe peneirada polo Estado teñen localizacións cunha menor potencialidade e capacidade de xeración renovábel ca nós, incluso deficitarias, ficando os proxectos galegos excluídos coa consecuente perda quer da oportunidade da importante e necesaria rendibilidade tecnolóxica, quer nos importes das posíbeis axudas.

E, sorprendentemente, vemos como na maior parte dos medios galegos, e tamén no ámbito político, siléncianse estas resolucións da UE, co beneplácito do Goberno Estatal; contrasta coa publicidade que se lle deu aos anuncios destas centrais de hidróxeno.

Asemade, a Xunta non está na alianza público-privada europea, onde están Aragón, Asturias, León e Castela, Valencia, xunto coa industria, universidade, institutos de investigación e o Banco Europeo de Investimento, para, por exemplo, a fabricación europea dos electrolizadores; os únicos proxectos do Estado na plataforma europea que promove o desenvolvemento da cadea de valor, son os de Euskadi xunto cos anteriores, e Illes Balears; na planificación de hidrodutos polos operadores europeos, na que non aparecemos até 2040, participa Enagás, que ten na Galiza o seu único competidor no Estado. Nin electrolizadores nin hidroduto. No futuro, nós poderemos ser produtores, temos as mellores condicións, mais xa estamos perdendo todo o valor engadido.

O que nos están a berrar as resolucións e as planificacións das infraestruturas eléctricas e gasistas é que cambiaremos Madrid no destino actual da electricidade por Alemaña no destino futuro do hidróxeno, mais Galiza seguirá a ter o mesmo papel de xerador/produtor. A transición enerxética está a cambialo todo para que nada cambie.

Comentarios