As plantas de hidróxeno verde financiadas a 100% polo Estado e a UE están fóra da Galiza

96% dos proxectos galegos continúan á espera das axudas públicas.
A vicepresidenta terceira e ministra española para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira e ministra española para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta terza feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Executivo español aprobou esta terza feira un real decreto para subvencionar con 87 millóns de euros e así completar até 100% o investimento de catro proxectos elixidos por Bruxelas o pasado mes de xullo nunha convocatoria da Unión Europea (UE) para promover o hidróxeno verde. 

A titular do Ministerio español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Teresa Ribera, detallou os catro proxectos: H2B2, en Sevilla, ao que o Goberno estatal  destinará 24,9 millóns; Nordex, que ten dúas plantas en Asturies e Nafarroa, con 11,9 millóns; Sener, en Euskadi, con 10 millóns; e Iveco, con plantas en Madrid, Valladolid e Barcelona, que recibirá do Executivo español 27,05 millóns.

Así, o Estado español completará o investimento inicial aprobado pola Comisión Europea para estes proxectos mentres 96% das iniciativas presentadas na Galiza neste ámbito continúan á espera de recibir axudas públicas. 

A ministra defendeu que o Estado español está nunha moi boa posición para o desenvolvemento deste tipo de enerxía renovábel. "Este real decreto permite seguir traballando para impulsar o hidróxeno renovábel, que irá tendo un maior peso no mix enerxético en detrimento do petróleo, e que supón unha oportunidade moi relevante para o Estado español, onde estamos en boas condicións, desde o punto de vista xeográfico, para proxectar a industria necesaria", sinalou a ministra española.

Pesimismo na Galiza

O optimismo no Executivo español contrasta co pesimismo na Galiza. A posición atlánticas e a necesidade de reconversión para unha transición xusta en enclaves como o das Pontes facían pensar que a Galiza se destacaría como un actor relevante no desenvolvemento desta tecnoloxía.

Con todo, o anuncio realizado por Ribera na xornada de onte supón unha nova 'labazada' para as esperanzas depositadas pola Xunta da Galiza no desenvolvemento de proxectos de hidróxeno verde no país, xa que, no canto de seren destinados estes 87 millóns de euros para ao financiamento de novos proxectos -na Galiza continúan á espera de axudas máis de 60 proxectos-, o Executivo estatal decidiu anunciar novas axudas para uns proxectos que xa gozaban de investimento da UE.

En xullo, a Galiza ficaba fóra dos primeiros catro proxectos de hidróxeno verde aos que a Comisión Europea daba luz verde no Estado.

En outubro, ningún proxecto no territorio galego resultou aparecer entre os sete estatais da segunda convocatoria. Xa no mes de decembro, o Executivo español daba a coñecer a concorrencia do corredor de hidróxeno H2Med -que conecta a península Ibérica co resto da UE- como Proxecto de Interese Común (PCI) da UE, sen que a Galiza ficase dentro da proposta. Tan só foron anunciadas até o momento axudas públicas para tres proxectos de hidróxeno verde no territorio galego, que  recibirán un total de 31,7 millóns.

Agora, despois do anuncio da Xunta da creación da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, un novo investimento en hidróxeno verde obvia os proxectos galegos. Neste contexto, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, volveu instar esta terza feira o Executivo estatal a que non deixe a Galiza como unha "illa enerxética" e que o país sexa incluído no trazado do novo corredor de hidróxeno H2Med.

O Executivo estatal busca unha reforma do mercado eléctrico

O Goberno español remitiu esta terza feira a Bruxelas unha proposta para a reforma do mercado enerxético na Unión Europa (UE). Segundo sinalou a titular do Ministerio español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Teresa Ribera, a misiva suxire a compra de enerxía a longo prazo para reducir a volatilidade e o prezo da electricidade. Mentres se deseña un novo sistema eléctrico na UE, o Executivo estatal pediu a Bruxelas unha prórroga do mecanismo ibérico do tope ao gas.

Alén diso, o Goberno español pretende que o prezo máis baixo das tecnoloxías renovábeis fique integrado no prezo final de mercado, no canto de que a tecnoloxía máis cara fixe o prezo medio da luz, pois cando se deseñou o actual sistema eléctrico, hai 20 anos, as renovábeis só representaban 10% do mix eléctrico total, mais agora alcanzan 50%.

Comentarios