As impulsoras, a maioría con sede en Madrid, esperan financialas con fondos públicos

Proxectan 72 plantas de hidróxeno verde na Galiza ligadas a 50 promotores

Acumúlanse os proxectos para a produción de hidróxeno verde. Actualmente atópanse en marcha máis de 70 iniciativas que aspiran a recibir axudas públicas procedentes do programa Next Generation. As grandes compañías enerxéticas con sede en Madrid lideran a maioría das propostas presentadas.

 

Vista da central térmica das Pontes
photo_camera Endesa, Reganosa e EDP promoven proxectos de hidróxeno verde nas Pontes. (Foto: Nós Diario)

A  produción do hidróxeno para usos enerxéticos non é algo novo. Así, fálase do hidróxeno gris, onde o produto xorde do gas natural ou do amoníaco mediante un proceso industrial que xera CO2; do hidróxeno azul, onde o CO2 que emite a separación do hidróxeno se captura e se enterra; e mesmo do hidróxeno rosa ou malva, unha proposta francesa para a obtención do material a partir da enerxía nuclear. Pola súa parte, o hidróxeno verde obtense a través da electrólise da auga, nun proceso que require de electricidade xerada por unha fonte renovábel, producíndose hidróxeno sen emisións de carbono.

A maior achega do hidróxeno verde ao obxectivo da neutralidade emisora non está relacionada coa propia descarbonización nin coa súa capacidade para a almacenaxe e transporte enerxético. Unha das principais limitacións que teñen as fontes de enerxías renovábeis é a súa dificultade para controlar a produción e o problema de almacenamento a longo prazo, podendo ser de grande utilidade o hidróxeno verde para esta función, xa que toda a enerxía renovábel que non se pode pór na rede eléctrica, por unha baixa demanda, e que non se pode almacenar en baterías polas citadas limitacións, é susceptíbel de ser gardada en forma de hidróxeno.

Os promotores do hidróxeno verde destacan o seu posíbel impacto significativo en sectores industriais como o do aceiro, un dos principais emisores de CO2; e no ámbito de doméstico, cun sistema de tubaxes axeitado ás súas necesidades. Porén, é no sector do transporte onde probabelmente o hidróxeno poderá imporse de forma máis efectiva, e concretamente en vehículos de gran tamaño como autobuses ou mesmo en avións, nos que a alternativa eléctrica moitas veces se descarta polo peso que implican as baterías.

Unha aposta da Unión Europea

O impulso da xeración enerxética mediante o hidróxeno verde está ligado aos deseños económicos da Unión Europea (UE). As autoridades comunitarias afirman pretender por esta vía avanzar na descarbonización e relanzar a actividade económica tras a pandemia da Covid-19, se ben a súa produción está a concentrarse nas áreas da periferia da UE.Neste sentido, o programa Next  Generation  recolle importantes achegas económicas para iniciativas deste tipo, destinando o Estado español 37% do total dos fondos ao sector enerxético. Así, non é casual que a totalidade dos proxectos de hidróxeno anunciados na Galiza estean ligados á recepción das axudas europeas.

A Unión Europea prevé que en 2050 o hidróxeno verde represente 14% do 'mix enerxético' comunitario e estima un investimento total no período de dous billóns de euros. Segundo o cronograma  recollido no plan europeo de combate contra o cambio climático, a Comisión Europea  agarda unha produción dun millón de toneladas de hidróxeno verde para 2024 e 10 millóns de toneladas anuais en 2030, o que representa unha oportunidade de negocio descoñecida para as empresas eléctricas. Ao tempo, sitúa as sociedades diante dun novo escenario que non vai acompasado dun debate público e dunha democratización da información sobre os procesos de xeración.

Os proxectos ligados ao hidróxeno verde ferven na Galiza. Segundo as fontes da Consellaría de Economía consultadas por Nós Diario, actualmente están en proxecto 72 plantas no país, ligadas a máis de 50 promotores diferentes e cun papel preponderante das grandes compañías enerxéticas con sede fiscal en Madrid. Só no último trimestre do ano teñen xurdido 21 novas iniciativas, tras afirmar o pasado mes de setembro o director do Instituto Enerxético da Galiza, Juan Ignacio Rodríguez, a presentación de 51 proxectos diferentes por parte de 44 promotores cun investimento estimado de 3.800 millóns.

A ministra española de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, ten recoñecido na súa última presenza no país, o pasado 16 de xaneiro, que desde a Galiza remitíronse xa 35 proxectos de plantas de hidróxeno, con 700 millóns de investimento "para toda a súa cadea de valor, desde a produción até o transporte e o consumo no ámbito industrial".Na mesma liña, ten destacado a presentación de 195 iniciativas diferentes na área da enerxía para desenvolver na Galiza.

Porén, a execución dunhas e doutras propostas vai depender do nivel de apoio público, xa que as promotoras apostan por financialos a cargo das diferentes liñas de axuda abertas a conta do programa dos fondos europeos Next Generation

Burbulla ou realidade?

Unha parte destacada dos economistas e consultores enerxéticos entende que detrás dos proxectos do hidróxeno verde agóchase unha burbulla inflada a conta dos fondos europeos. Sexa como for dáse por feito que só unha pequena parte das iniciativas sairán finalmente adiante.

Comentarios