Lozoya dará conta ante a xustiza dos contratos de Pemex: O ex director da petroleira acepta a súa extradición

Detido o pasado mes de febreiro en Málaga por un presunto delito de branqueo de capitais, o que fora director de Petróleos Mexicanos (Pemex) acepta a súa extradición ao país azteca para ser xulgado. A operación de compra do estaleiro Barreras está na lista de presuntas irregularidades que investiga a Fiscalía.
En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros (Imaxe: Europa Press)
photo_camera En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros (Imaxe: Europa Press)

O que fora director xeral da petroleira mexicana Pemex entre 2012 e 2016 está máis preto de responder ante a xustiza do seu país por un presunto delito de branqueo de capitais durante a etapa na que a empresa estatal estaba baixo a súa dirección.

O fiscal xeral de México, Alejandro Gertz, anunciou a pasada terza feira que o ex directivo accedera á súa extradición desde España, onde foi detido o pasado febreiro após ser declarado prófugo da xustiza, até o país azteca.

O xefe do Ministerio Público indicou que, ademais de dar "o seu consentimento expreso para ser entregado ás autoridades mexicanas", Lozoya ofreceu "a súa colaboración para estabelecer e esclarecer os feitos que lle foron imputados".

Desde a Fiscalía de México xa traballan para facer efectiva a extradición o antes posíbel, garantindo en todo momento as máximas medidas de seguridade. "Unha vez que esta etapa se teña cumprido", apuntou Gertz, "iniciaranse de inmediato as dilixencias procedentes para esclarecer as responsabilidades de todos os involucrados e os seus beneficiarios, [...] incluíndo persoas de relevancia ou grupos políticos que participaran ou se beneficiaran destes despoxos á nación mexicana".

Emilio Lozoya está a ser investigado en dous casos por corrupción, un deles vinculado á construtora brasileira Odebrecht e outro á empresa de fertilizantes mexicana Agro Nitrogenados. Está acusado dun delito  por "operacións con recursos de procedencia ilícita" polo que podería ser condenado a quince anos de prisión.

Desde a súa detención en Málaga o pasado 12 de febreiro, o ex directivo está baixo custodia da Audiencia Nacional, que decretou o seu ingreso en prisión provisional incondicional e comunicada, e que será a encargada de proceder á súa extradición após Lozoya así o solicitase.

Cando compareza ante a xustiza, o empresario deberá dar conta de varios contratos da petroleira, entre eles a compra do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, baixo sospeita.

As conexións mexicanas entre a petroleira e a Xunta de Feixoo 

O nome de Pemex comezou a soar na Galiza pouco antes das primeiras eleccións nas que Feixoo saíu reelixido presidente da Xunta. Entón, un contrato para a construción de dous floteis para a petroleira mexicana, no que os Mouriño xogaran un papel chave, prometía salvar o naval galego. Nada máis lonxe da realidade.

Anos máis tarde, a petroleira volveu intervir para saír ao rescate do sector, desta vez coa compra do estaleiro Hijos de J. Barreras. Precisamente, esta última é a operación que está a investigar a Fiscalía mexicana. De feito, cando se coñeceu a suposta trama corrupta, os medios do país azteca non tardaron en destacar os "vínculos e negocios" de Lozoya con Núñez Feixoo e Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios desde 2009 e unha das asesoras de confianza do presidente da Xunta. 

Comentarios