A tormenta de Pemex tamén salpica o círculo de confianza de Feixoo

A detención do ex director de Pemex a semana pasada, Emilio Lozoya, continúa a traer quebradeiros de cabeza para Núñez Feixoo, sobre quen medios mexicanos auguran "complicacións" polo acordo da petroleira co estaleiro Barreras, investigado polo Goberno. Aliás, xornalistas do país azteca falan dun Lozoya que "forxou vínculos e negocios" co presidente en fucnións da Xunta e citan tamén a directora xeral de Medios desde 2009 e persoa de total confianza de Feixoo: Mar Sánchez.

pemex feijoo
photo_camera Núñez Feixoo nunha visita a unha plataforma de Pemex (Xunta)

A detención en Marbella e posterior entrada en prisión de Emilio Lozoya, ex director xeral da petroleira Pemex, sitúa o nome do presidente en funcións da Xunta e candidato do PPdeG o 5 de abril, Núñez Feixoo, en boca de boa parte da prensa mexicana. “O caso Lozoya complica o presidente da Galiza”, resume a situación La Política Online.

Fronte ao silencio das principais cabeceiras mediáticas na Galiza, en México o tema de Pemex e Barreras ocupa novas, reportaxes e mesmo artigos e de opinión e análises. En El Universal, o xornalista especializado en economía e finanzas, Mario Maldonado escribe que o responsábel de Pemex agora detido “forxou vínculos e negocios” con Núñez Feixoo, citando tamén Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios desde 2009 e unha das asesoras política de total confianza do presidente da Xunta.

Ao tempo que a treboada mediática en México sobre Pemex salpica o Goberno de Feixoo, Executivo e Fiscalía do país azteca continúan a centrase na investigación dos negocios da petroleira na Galiza e posíbeis consecuencias penais.

Sete anos despois da compra de Barreras por Pemex con todas as benzóns da Xunta de Feixoo, a operación está a ser investigada polo Goberno de México, que pretende levala perante a Fiscalía Xeral da República (FGR, nas súas siglas en español).  

Baixo sospeita

México confirmou que investiga o ex dirixente de Pemex, entre outros casos, pola entrada da petroleira na firma viguesa Hijos de Barreras no ano 2013 por 5,1 millóns de euros. O presidente mexicano chegou a sinalar ao respecto que aqueles contratos "non ofrecían un trato xusto" para a compañía azteca. Porén, a operación "vendeuse" na Galiza como un éxito derivado das negociacións desenvolvidas polo Goberno de Feixoo. Ese ano e o seguinte, o presidente galego chegou a manter dous encontros con Lozoya na capital mexicana para "reforzar a alianza estratéxica"

Segundo recollen distintos medios mexicanos, a Unidade de Intelixencia Financeira (UIF) ten en curso unha investigación sobre aquela compra e ten previsto levar o caso perante a Fiscalía Xeral da República Mexicana, baixo a tese de que a adquisición de Barreras reportou perdas de 50 millóns de euros a Pemex. Onte, após o Consello da Xunta, Feixoo negou a Nós Diario que existise, "polas informacións que coñece", tal investigación.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios