domingo 16.02.2020

O reverso da "alianza estratéxica" con Pemex

Pemex foi, en 2012, a principal esperanza para o naval galego, segundo publicitaba a Xunta durante aquela campaña electoral. A entrada en prisión do que entón era o seu director xeral acaba de desmontar unha burbulla con moitas máis sombras que luces.
Feixoo e Lozoya mantiveron un encontro en marzo 2014 para avaliar o estado do acordo asinado dous anos antes con Pemex. (Xunta)
Feixoo e Lozoya mantiveron un encontro en marzo 2014 para avaliar o estado do acordo asinado dous anos antes con Pemex. (Xunta)

A posta a disposición xudicial e envío a prisión do que foi entre 2012 e 2016 director xeral da petroleira mexicana Pemex, Emilio Lozoya, por decisión da Audiencia Nacional enterrou onte de forma definitiva a burbulla que no ano 2012 impulsou a campaña electoral de Alberte Núñez Feixoo para revalidarse como presidente da Xunta. 

En maio daquel ano, a cinco meses da cita coas urnas, o Goberno galego anunciaba por todo o alto unha "alianza estratéxica coa cuarta petroleira do mundo" que permitiría reflotar o sector naval galego, a través de encargas que chegaron a cifrarse en 600 millóns de euros.  

Hoxe, a menos de dous meses duns novos comicios que se albiscan axustados para Feixoo, pouco queda da meirande parte das promesas económicas daquel acordo e o principal impulsor dun dos poucos anuncios que acabaron por concretarse  está na cadea de forma provisional. Falamos do contrato dunha "unidade habitacional flotante" ao estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, a través de PMI,  filial da petroleira, e a adquisición por parte da mexicana de 51% das accións desta empresa galega, que sería asinada en México en novembro de 2013 coa presenza do conselleiro de Industria, Francisco Conde. 

Lozoya foi detido a pasada terza feira en Málaga como resultado dunha investigación das autoridades mexicanas pola súa vinculación con distintas tramas de corrupción. En concreto, impútanselle delitos de delicuencia organizada, suborno e operacións con recursos de procedencia ilícita polas sospeitas dun cobro fraudulento de dez millóns de dólares procedentes da construtora brasileira Odebrecth, implicada en varios casos de corrupción en América Latina, e pola adquisición dunhas plantas de fertilizantes.

A Audiencia Nacional apela no seu auto ao "fundado risco de fuga" para decretar a prisión provisional incondicional, se ben advirte que a medida de privación de liberdade quedará sen efecto se no prazo de 45 días non se presenta a solicitude de extradición por vía diplomática ante o ministerio. Na xornada de onte, o presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, apuntou que estes trámites corresponden á Fiscalía, da que saudou o "bo traballo" que está a realizar.  

A adquisición das accións de Barreras, baixo sospeita

Máis alá destas pescudas, México confirma que investiga tamén o ex dirixente de Pemex pola entrada da compañía na firma viguesa Hijos de Barreras no ano 2013 por 5,1 millóns de euros. O presidente mexicano chegou a sinalar ao respecto que aqueles contratos "non ofrecían un trato xusto" para a compañía azteca. Porén, a operación "vendeuse" na Galiza como un éxito derivado das negociacións desenvolvidas polo Goberno de Feixoo. Ese ano e o seguinte, o presidente galego chegou a manter dous encontros con Lozoya na capital mexicana para "reforzar a alianza estratéxica".  

México investiga os contratos con firmas galegas, ao considerar que "non ofrecían un trato xusto" coa petroleira

Segundo recollen distintos medios mexicanos, a Unidade de Intelixencia Financeira (UIF) ten en curso unha investigación sobre aquela compra e ten previsto levar o caso perante a Fiscalía Xeral da República Mexicana, baixo a tese de que a adquisición de Barreras reportou perdas de 50 millóns de euros a Pemex. Onte, após o Consello da Xunta, Feixoo negou a Nós Diario que existise, "polas informacións que coñece", tal investigación.

Xa en xuño do ano pasado, México iniciaba a revisión dos contratos de Pemex con Navantia e Barreras –as dúas firmas que construíron senllos barcos floteis para a petroleira en Ferrol e Vigo– nunha "limpa contra a corrupción". Naquela altura, a auditoría vía irregularidades na compra das accións do estaleiro galego. 

Hai apenas dúas semanas, Pemex anunciaba tamén o inicio dunha investigación sobre a compra das accións a Barreras por recomendación da Auditoría Superior da Federación, que puxo en cuestión os motivos polos que a empresa pública realizou aquel investimento.  

 As crecentes sospeitas sobre as operacións de Pemex na Galiza, unidas ás frustradas expectativas de negocio que se repetiron nos anos de negociación coa petroleira e á delicadísima situación financeira e laboral, tanto de Barreras como de Navantia, ensombrecen aquelas mensaxes e imaxes triunfais de 2012 e 2013. Naquelas datas, Feixoo arrogábase o mérito dunha negociación que se desenvolvera "sen facer ruído" e chegaba a resaltar o papel "chave" do entón presidente do Goberno central, Mariano Raxoi, nos acordos. 

Aqueles compromisos para a construción de floteis, remolcadores e outras unidades da flota menor de Pemex viñeron acompañados dun anuncio que, como gran parte dos anteriores, acabaría por desinflarse, cinco anos despois: a conversión do porto exterior da Coruña, naquel momento aínda en construción pero xa deficitario, na base loxística da mexicana en Europa. 

En 2014, a adxudicación dos dous floteis de Pemex a Barreras e Navantia publicitouse desde a Xunta como "un éxito de país e do sector naval galego", que permitiría "mellorar o posicionamento internacional desta industria a cara descuberta ao futuro e consolidar a imaxe da Galiza como referente tecnolóxico". 

comentarios