México investiga a compra de Barreras por Pemex abenzoada pola Xunta

O titular da Unidade de Intelixencia Financeira (UIF), Santiago Nieto Castillo, informou que a operación de adquisición do estaleiro vigués está en proceso de investigación para levar o caso ante a Fiscalía Xeral da República mexicana.

Lozoya feixoo (Xunta)
photo_camera Lozoya e Feixoo, no centro da foto (Xunta)

Pemex adquiría en abril de 2013 Fillos de J. Barreras. O que fora un dos estaleiros privados máis importantes do Estado, nesa altura acababa de saír dun concurso de acredores. A paraestatal petroleira mexicana facíase así co 51% da empresa viguesa, após meses de negociacións e co ‘apadriñamento’ do Goberno de Núñez Feixoo. O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, estivo presente en México no acto de sinatura do acordo de venda de Barreras a Pemex. A propia Xunta afirmaba que aquel contrato era “un importante paso adiante na alianza estratéxica establecida por Pemex”.

Sete anos despois, esa compra está a ser investigada polo Goberno de México, que pretende levala perante a Fiscalía Xeral da República (FGR, nas súas siglas en español).  A detención esta cuarta feira en Marbella de Lozoya Austin, director de Pemex entre 2012 e 2016, época na que se negociou coa Xunta de Feixoo, entre outras cuestións, os acordos co estaleiro Barreras; volve situar en primeira plana aquela operación

O titular da Unidade de Intelixencia Financeira (UIF), Santiago Nieto Castillo, informou que a operación está en proceso de investigación para levar o caso perante a Fiscalía Xeral da República mexicana. Castillo sinalou que a adquisición de Barreras reportou perdas de 50 millóns de euros a Pemex. Indicou que existen dous casos por xudicializar contra Emilio Lozoya relacionados con defraudación fiscal, ademais da adquisición de Barreras.

“Limpa”

En xuño do ano pasado México anunciaba que ía revisar os contratos de Pemex con Navantia e Barreras nunha “limpa contra a corrupción”. A auditora de Pemex vía nauela altura ilegalidades tanto na compra de Barreras como no tema dos ‘floteis’.

En novembro de 2019, Pemex deixaba Barreras. Mais xa estaba a maquinaria do Estado en marcha para investigar todo o relativo a aquela operación de compra.

Comentarios