Detido o ex director xeral de Pemex Emilio Lozoya, un dos negociadores do desembarco da petroleira na Galiza

Lozoya Austin foi director da paraestatal petroleira mexicana entre 2012 e 2016, época na que se negociou coa Xunta de Feixoo, entre outras cuestións, os acordos co estaleiro Barreras.

En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Emilio Ricardo Lozoya e Núñez Feixoo (Xunta)

Emilio Ricardo Lozoya Austin foi detido esta cuarta feira en Málaga (España), segundo informa El Heraldo de México e outros medios mexicanos, en relación a varias causas contra el por corrupción. Ponse fin así á ‘escapada’ deste ex directivo de Pemex entre 2012 e 2016, parte do sexenio do presidente mexicano Peña Nieto, e no que esta paraestatal petroleira negociou coa Xunta o seu desembarco na Galiza. O titular da Fiscalía Xeral da República, Alejandro Gertz, confirmou a detención. México xa estaría activando o proceso para extraditar este economista, acusado de varios casos de corrupción.

O nome de Emilio Ricardo Lozoya non lle sonará raro a Feixoo, pois en abril de 2013 ambos os dous estiveron nunha xuntanza co presidente mexicano para fechar contratos para o naval galego. Aliás, Lozoya era director xeral de Pemex cando se asinaron acordos co estaleiro vigués de Barreras. O economista conta con varias investigacións abertas na súa contra pola súa presunta relación con delitos de operacións con recursos de procedencia ilícita e suborno.

Revisión de contratos

En xuño de 2019 o presidente mexicano López Obrador anunciaba que o seu Goberno ía revisar os contratos de Pemex con Navantia e Barreras nunha “limpa contra a corrupción”. 

O 19 de setembro de 2012 Núñez Feixo anunciaba un acordo coa petroleira estatal mexicana Pemex para construír na Galiza 2 floteis. “Un investimento de 380 millóns de dólares”, “milleiros de horas de cargas de traballo”, “milleiros de empregos”, propagaban os comunicados da Xunta naquela xornada. Sete anos despois, López Obrador anunciaba una revisión dos contratos asinados por Pemex con estaleiros galegos.

Un anuncio que fixo no marco, dixo, do compromiso na “limpa contra a corrupción”. “Estamos a revisar os contratos de empresas que se teñen con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex”, manifestou o mandatario, en referencia aos floteis adxudicados a Navantia e Barreras, as únicas no Estado coas que contratou Pemex nestes anos para construír buques para a súa frota. Nun principio mesmo se falou da construción en factorías galegas de 14 remolcadores para Pemex mais nunca chegaron a iniciarse.

López Obrador prometeu acabar co “tráfico de contratos e compras con sobreprezos”. Desde a súa chegada ao poder introduciu mudanzas na ponte de mando de Pemex, que nos últimos anos estaba no albo de diversos escándalos.

Pemex, non esquezamos, tamén se fixo con 51% do estaleiro Barreras en novembro de 2013. Unha operación que acabou coa paraestatal abandonando o estaleiro seis anos despois.

Comentarios