Núñez Feixoo deslígase dos seus contactos no 'Caso Pemex'

Carlos Roa, man dereita do ex director de Pemex, Emilio Lozoya, e José Manuel Carrera Panizzo, rostros visíbeis da petroleira na Galiza, son outros dos investigados por corrupción dos que se desliga Feixoo.
Roa, Feixoo e Carrera Panizzo na botadura dun dos floteis de Pemex (Xoán Crespo)
photo_camera Roa, Feixoo e Carrera Panizzo na botadura dun dos floteis de Pemex (Xoán Crespo)

A estratexia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pasa por que os escándalos que rodean as operacións de Pemex na Galiza non lle salpiquen demasiado. Para iso, o titular do Executivo galego e candidato á reelección trata de desligar calquera conexión co ex directivo de Petróleos Mexicanos, Emilio Lozoya, cos contratos asinados e, ante todo, con calquera relación comercial que puidera ter existido entre ambos. Agora limita a súa implicación nos contratos dos floteis a ser un mero garante. "Non tivo nada que ver con ese acordo, simplemente o herdou e, iso si, o mantivo en vigor", explicou Feixoo na televisión. 

E é que esta cuarta feira, o presidente da Xunta participou nunha entrevista no programa La Noche en 24 horas da Televisión Española no que foi preguntado polo caso Pemex. Nas súas respostas Feixoo asegurou non ter firmado contrato algún con Emilio Lozoya. "Non firmamos con ese presidente de Pemex ese acordo, senón co anterior", indicou antes de apuntar que "non foi un acordo, senón un protocolo no que Pemex comprometíase a darlle carga de traballo a dous estaleiros galegos; un público, Navantia, e outro privado, Barreras" . Tamén asegurou que se se volvese a dar a circunstancia "volvería facelo". "Creo que a miña obriga é tentar lograr carga de traballo para as empresas galegas", dixo Feijóo. 

O presidente da Xunta aproveitou tamén para tratar desviar o foco e poñelo en Brasil, ao lembrar que Lozoya, detido polas forzas de seguridade españolas hai unhas semanas, está a ser investigado "non por un asunto galego, senón por un brasileiro". A realidade é que a Fiscalía mexicana investiga, entre outros asuntos, a compra do estaleiro Barreras por parte de Pemex, e tamén as operacións nas que PMI, a empresa coa que se firmaron os acordos, desviou cartos a paraísos fiscais. 

Máis nomes propios

Nestas últimas pescudas, xunto ao nome de Lozoya emerxen os de José Manuel Carrera Panizzo, compañeiro de estudos de Lozoya e ex director da filial internacional de Pemex, PMI, e o de Carlos Roa, o que fora xefe de asesores do ex director xeral de Pemex e ex vicepresidente de Barreras, que se suman aos de Juan Camilo Mouriño, ao que en México sitúan como mediador entre Pemex e a Xunta, e o de Pachi Lucas

Os nomes de Carrero Panizzo e Roa aparecen nas investigacións sobre a compra de Agro Nitrogenados, unha operación tamén vencellada a Pemex na que participaron a través de PMI Internacional, a mesma empresa que fixo posíbel os contratos dos floteis na Galiza. A ambos se lles puido ver en numerosas ocasións xunto ao presidente Alberto Núñez Feixoo. De feito, Panizzo foi o rostro visíbel de Pemex no anuncio dos floteis e tamén no da construción da flota auxiliar da petroleira mexicana nos estaleiros galegos, da que nunca máis se soubo.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios