Os fogares vulnerábeis pagarán 550 euros máis en enerxía este ano que en 2020: supón case 10% do seu orzamento total

As persoas con máis recursos sofren un menor impacto da inflación.
O prezo da luz aumenta esta quinta feira (Foto: Rasstock).
photo_camera (Foto: Nós Diario)

Un fogar medio pertencente ao 20% da poboación do Estado español cos ingresos máis baixos (o quintil inferior) dedicará este ano 8,8% do seu orzamento total a pagar as distintas facturas enerxéticas, mentres que en 2020 esa porcentaxe era de 5,6%, o cal se traduce nun incremento de 550 euros anuais neste período, segundo un novo estudo de Cambridge Econometrics.

No extremo oposto, un fogar medio pertencente ao 20% da poboación cos ingresos máis altos (quintil superior) dedicará 5,09% do seu gasto total á enerxía, mentres que en 2020 esta partida representaba 3,34%.

O informe profunda en como o incremento do prezo dos combustíbeis fósiles por mor da invasión de Ucraína está a contribuír "de forma desmesurada" aos picos de inflación no Estado, onde o pasado setembro ficou en 8,9% na taxa interanual e nos dous meses anteriores superou o 10%.

De feito, os combustíbeis fósiles, tanto para o transporte como o gas natural, supuxeron aproximadamente 23% do total da inflación interanual rexistrada en maio, 25% da que se produciu en xuño e 19% da de xullo, detalla o informe. Neste senso, no documento apúntase que "unha maior expansión das enerxías renovábeis parece constituír a opción política correcta", sobre todo se se ten en conta a volatilidade dos prezos mundiais dos combustíbeis fósiles e o seu impacto nas economías cando os seus prezos son altos.

"Impulsar a cota de renovábeis aumenta a independencia enerxética, reduce a exposición dos consumidores nacionais aos prezos do mercado mundial e ten o potencial de facer baixar os prezos da electricidade a longo prazo", asevera.

Ao mesmo tempo, o informe avoga por un aumento da electrificación do transporte, da industria e da calefacción para que, xunto coa expansión das enerxías renovábeis, "poida reducirse a exposición dos consumidores domésticos e das empresas á volatilidade dos prezos dos combustíbeis fósiles e limitar a necesidade de intervención gobernamental en épocas de prezos altos da enerxía".

Por outra parte, a análise de Cambridge Econometrics destaca que, entre as medidas adoptadas polo Goberno estatal para tratar de paliar a alza dos prezos enerxéticos, o coñecido como 'tope ao gas' ou 'excepción ibéricoa' —en vigor desde o pasado 15 de xuño— reduciu e estabilizou "significativamente" os prezos grosistas da electricidade no Estado español en comparación con outros países europeos, como Francia, por exemplo.

Con todo, advirte de que esta medida "ten un alto custo" e avisa de que "a longo prazo" estas intervencións de emerxencia poderían evitarse investindo no almacenamento en baterías e en enerxía hidroeléctrica de bombeo para substituír o gas nos picos de demanda de electricidade.

Na mesma liña, os analistas inciden en que actualmente as persoas consumidoras "non se benefician completamente dos baixos custos das enerxías renovábeis" debido ao papel que aínda desempeñan o gas natural e o carbón na determinación dos prezos dos mercados grosistas europeos de electricidade.

Sobre este punto, subliña o feito de que os mercados grosistas son de tipo marxinalista, o que supón que a última tecnoloxía que consegue casar a oferta e a demanda para completar as necesidades enerxéticas en cada franxa horaria é a que determina o prezo ao que se paga o megawatt hora (MWh) do resto das tecnoloxías utilizadas nese momento. Así, o incremento do prezo do gas natural que se utiliza nos ciclos combinados para xerar electricidade —a tecnoloxía máis cara— inflúe sobre o prezo co que se paga o resto de tecnoloxías.

Comentarios