O Executivo estatal aproba os descontos na luz para fogares con baixos ingresos

O Consello de Ministras e Ministros do Estado español aprobou esta terza feira as novas axudas ante a crise enerxética. O Goberno estatal mobilizará 3.000 millóns de euros para rebaixar a factura enerxética de 40% dos fogares do Estado, nunhas medidas que inclúen unha nova tarifa regulada para os fogares con caldeira comunitaria. As vivendas con caldeiras comunitarias pasan a beneficiarse da tarifa regulada do gas natural.
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Estado español, Teresa Ribera, na terza feira (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Estado español, Teresa Ribera, na terza feira (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

As novas medidas do Goberno español para paliar a crise enerxética incluirán novos descontos de 40% na factura eléctrica para 1,5 millóns de fogares con baixos ingresos e reforzarase o actual bono social, ao que están acollidos 1,3 millóns de fogares. 

Porén, a factura da luz encareceu 44% respecto ao ano 2021 e 102% en relación a 2020, polo que estas axudas supoñen un alivio económico para os fogares con menos recursos que non cobre a totalidade do ascenso dos prezos da luz.

Por outra parte, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, explicou esta terza feira que "todas as comunidades de propietarios" poden acollerse á nova tarifa especial subvencionada para caldeiras comunitarias se cumpren dúas condicións, ter sistemas de contador individualizado antes de final de setembro de 2023 e unha revisión da caldeira para asegurar que siga funcionando da maneira máis eficiente. As tarifas especiais estarán en vigor até o 31 de decembro de 2023. 

As comunidades que cumpran as condicións poderán beneficiarse desta extensión do esquema de protección da Tarifa de Último Recurso (TUR) para o gas natural. Para calcular o aforro aplicado, segundo explicou a ministra, o Goberno estatal calculará o consumo medio da comunidade nos últimos cinco anos, e sobre 70% dese consumo medio aplicarase un desconto de 40%. 

"O 30% restante seguiría pagando o gas ao prezo ao que está no mercado, mais se esa comunidade de propietarios incrementase o seu consumo por encima do consumo medio dos últimos anos habería unha penalización", indicou. 

No que respecta ao teito estabelecido polo Executivo estatal que impedía para a Tarifa de Último Recurso 1 (TUR1) e 2 (TUR2) -as de persoas consumidoras domésticas de gas natural- que o compoñente do gas natural subise máis de 15% en cada revisión trimestral da TUR -o que supuña limitar a alza no recibo a un máximo de 5%-, tamén se amplía até o 31 de decembro de 2023, cando expiraba este próximo marzo.

A pesar do estabelecemento da TUR1 e da TUR2, que pode ser contratada por calquera persoa usuaria cun consumo anual de gas igual ou inferior a 50.000 kWh, o encarecemento do gas natural no mes de setembro foi de 23,8% con respecto ao mesmo mes de 2021.

Ademais, Ribera non descartou máis medidas para combater a actual crise enerxética "en función de como evolucionen as circunstancias".

O menor prezo da luz coa 'excepción ibérica'

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista caerá hoxe 30,9%, até os 80,44 euros/MWh, o prezo máis barato desde o comezo da 'excepción ibérica' segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

De forma paralela, o prezo do gas no Estado español moveuse por baixo dos niveis previos ao estalido da guerra de Ucraína (que comezou o pasado febreiro) e durante a primeira quincena de outubro mantívose por baixo dos 80 euros por megawatt hora (MWh), segundo un informe elaborado polo Grupo ASE. Nese sentido, os analistas destacan que esta semana o prezo do gas chegou a situarse por baixo dos 40 euros/MWh por primeira vez desde que se puxo en marcha o sistema do 'tope ao gas'.

Bruxelas propón mobilizar 40.000 millóns

A comisaria responsábel dos fondos de Cohesión, Elisa Ferreira, adiantou esta terza feira a posibilidade que ofrecerá Bruxelas aos Estados membros de reprogramar uns 40.000 millóns de euros dos Fondos de Cohesión previstos para o período 2014-2020 que non foron gastados aínda e que os Gobernos poderán reconducir a medidas para mitigar o impacto da crise económica nas facturas dos fogares e empresas. "Debemos reaccionar cando a cidadanía e as pemes se ven golpeadas por unha crise", dixo.

Comentarios