A Comisión Europea reclama baixar 15% o consumo de gas natural até marzo

A UE propón facer que a redución do uso gasísitico sexa obriga legal.
A presidenta da Comisión Europea, a alemá Ursula von der Leyen, debullou onte en Bruxelas (Bélxica) o plan de aforro enerxético. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, a alemá Ursula von der Leyen, debullou onte en Bruxelas (Bélxica) o plan de aforro enerxético. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)

Despois de adiantar nas últimas semanas que estaba a traballar nunha alternativa, a Comisión Europea presentou esta cuarta feira o plan 'Aforrar gas para un inverno seguro', co que busca prepararse para un eventual corte da subministración de gas natural de Rusia.

A principal iniciativa desta proposta, que ten que ser debatida por todos os Estados membros, compromete os países do bloque comunitario a “facer todo o posíbel” para reducir o seu consumo de gas natural até un 15% nos vindeiros oito meses, desde o 1 de agosto de 2022 até o 31 marzo de 2023.

Ao tempo, o documento estabelece un mecanismo para fixar “obxectivos vinculantes de redución da demanda” no caso de “risco substancial de escaseza”; “se non se dan avances suficientes a Comisión poderá activar unha alerta europea en calquera momento para obrigar a diminuír ese 15%”, indicou na presentación do plan Kadri Simson, comisaria de Enerxía.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, reiterou as acusacións en contra de Moscova por utilizar “o gas como arma” por mor das baixadas na subministración, que definiu como unha “chantaxe”, sinalando que “se algunha vez hai unha interrupción importante ou total da subministración de gas ruso, a UE terá que estar preparada.

Ademais, destacou que o aumento das vendas de países como os Estados Unidos, Noruega ou Catar permitiron aumentar a subministración de gas non ruso en 35.000 millóns de metros cúbicos desde xaneiro. Porén, isto aínda está lonxe de cubrir a demanda deste produto por parte da Unión Europea (UE), pois Rusia prové o 40% dos 490.000 millóns de metros cúbicos que consume anualmente, así como o 25% do petróleo.

"Axudar" Alemaña

Neste intre, informou von der Leyen, a UE ten os seus depósitos conxuntos en 64%, e aspira a que en novembro cheguen a 80%, polo que pediu “solidariedade” para axudar os países “máis vulnerábeis” polos cortes de gas (principalmente Alemaña e os países centroeuropeos), considerando imprescindíbel que “todos contribúan co aforro de gas”. O plan apunta que Administracións, fogares, persoas propietarias, provedores e a industria terán que aplicar medidas de aforro.

De recibir luz verde, obrigaría os Estados a informar cada dous meses á Comisión sobre o avance das medidas para reducir o consumo, e os membros que soliciten acceder á subministración de gas solidaria deberán demostrar que puxeron en marcha as medidas precisas. Bruxelas non aspira a “dicir aos Estados que medidas tomar para alcanzar os obxectivos”, mais si lles ofrece distintas opcións, subliñou Simson.

Malia que o texto abre a porta a excepcións para o Estado español e Portugal, que non dependen nunha medida tan alta do gas natural ruso, a ministra española Teresa Ribera asegurou que a solidariedade coa EU non será “a costa dos consumidores domésticos e industriais”, que “non merecen restricións nin racionamentos”, apelando ao alto prezo das subministracións. Asemade, salientou que o Estado ten 30% da capacidade de regasificación do bloque comunitario, facendo fincapé en que “non consideramos” a posibilidade de introducir calquera medida que limite o consumo de gas natural.

Putin recomenda abrir o Nord Stream 2 para enviar máis gas

A raíz do debate arredor da redución dos envíos de gas natural ruso á UE, que para o bloque é unha "chantaxe" e para Moscova é resultado dos procesos de mantemento das infraestruturas e mais de cortes de ramais como o fechado por Kiev para non beneficiar as Repúblicas Populares do Donbás; o presidente ruso, Vladimir Putin, propuxo abrir o gasoduto Nord Stream 2, cuxa inauguración foi freada polas autoridades alemás.

Comentarios