A concentración da demanda desborda o mercado galego de pellets e calefaccións

As empresas recomendan planificar as compras ao longo do ano.
Traballador dunha empresa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os pellets aumentaron o seu prezo no mercado galego ao redor de 60% no que vai de ano, indican desde as empresas distribuidoras. (Foto: Nós Diario)

O aumento dos custos da electricidade e do gas para os fogares da Galiza está a propiciar que as familias busquen alternativas para o aforro á hora de quecer as súas vivendas. Así o corrobora a Nós Diario Juan Garrido, xerente de Lignus, unha empresa afincada en Caldas de Reis que se dedica á distribución a nivel galego de pellets en sacos e a granel.

A demanda "está a concentrarse toda nun mesmo período", explica o xerente de Lignus, "o que xerou unha importante problemática para o abastecemento nos últimos dous meses", continúa. "As compras preténdense facer todas no mesmo período, antes de que chegue o frío, e as empresas están pasando apuros para cubrir toda a demanda", afirma o representante de Lignus.

"É certo que houbo un incremento na demanda, mais o problema máis importante é que se quere cubrir toda xunta, o que xera atrasos nas entregas", reitera Garrido. "Estamos atendendo entre 15 e 20% máis de pedidos que o normal, pero isto débese a que non estamos atendendo o total da demanda, temos unha capacidade de subministración que non nos permite aumentar por riba desa cota", sinala. 

"Non temos suficiencia para atender todo o volume de pedidos que nos entran a diario, polo que traballamos coa clientela de sempre e ese 15 ou 20% a maiores, fóra de aí estamos desbordados", afirma Garrido. "A demanda disparouse de tal forma que se está xerando unha crise de nerviosismo no mercado que provoca que haxa interrupcións na subministración e atrasos". "Os nosos prazos de entrega estaban entre os cinco e dez días, agora mesmo eses tempos aumentaron até unha espera de 15 días", explica o xerente.

"O aumento dos custos da electricidade provocou que se multiplicase case por catro os custos de produción para os fabricantes de pellets, chegando mesmo a ter que parar as fábricas", afirma Garrido. Por outro lado, di, "os custos de distribución tamén se incrementaron de forma importante derivados dun prezo do gasóleo que aumentou 80% con respecto ao comezo do ano". Todos estes factores, unidos tamén á suba do prezo da madeira, provocou que o valor do pellet se disparase no mercado, "ao redor de 60% no que vai de ano".

Desbordado o mercado galego das calefaccións

A concentración da demanda nunha época concreta do ano tamén se está facendo notar no mercado das calefaccións. Segundo afirma a este xornal Alejandro Fuente, xestor de Ecolume, unha empresa de chemineas afincada en Lugo, "xa hai entregas para o ano que vén, temos pedidos adiados até marzo e abril de 2023 comprando agora o aparato", explica Fuente. "Se hai xente que quere algún dos aparatos que teñen máis rotación no mercado, é probábel que se encontre con algún problema para conseguilo este inverno", afirma o xestor.

"Calma e previsión"

Garrido e Fuente coinciden na mesma mensaxe, precisamos "calma e previsión" no mercado. Desta forma, piden tranquilidade ás persoas consumidoras, hai capacidade para cubrir a demanda anual, mais no futuro cómpre que haxa máis previsión na planificación das compras, evitando situacións que rematan por saturar as empresas, explican. 

Bruxelas propón estender o modelo ibérico do tope ao gas

A Comisión Europea propuxo esta terza feira que o modelo da 'excepción ibérica' que permite aos Estados español e portugués pór un teito ao prezo do gas utilizado para xerar electricidade se estenda ao resto da Unión Europea (UE) cun tope de entre 100 e 120 euros o Mwh, un límite máis suave que a media de 60 euros do marco ibérico. Bruxelas estima que a medida derivaría nun beneficio neto de 13.000 millóns de euros para o conxunto dos Estados da UE.

"Sumar este mecanismo por encima do tope inframarxinal produciría un beneficio neto de aproximadamente 13.000 millóns de euros sobre os 70.000 millóns do tope inframarxinal", apunta o documento que o Executivo comunitario remitiu esta terza feira aos Estados membros no marco das negociacións para intervir o mercado enerxético.

Comentarios