Ence obtivo case 45 millóns de euros na primeira metade de 2022

O prezo da celulosa superou os 1.350 dólares brutos por tonelada en xullo e os principais produtores anunciaron subas adicionais até os 1.380 dólares.
Biofábrica de Ence. (Foto: Europa Press)
photo_camera Biofábrica de Ence. (Foto: Europa Press)

A compañía pasteira Ence rexistrou unhas ganancias de 44,7 millóns de euros no primeiro semestre do ano, deixando así atrás os 'números vermellos' de 195,2 millóns de euros no mesmo período do exercicio anterior, pola alza do prezo da celulosa, segundo informou a empresa á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Neste sentido, o prezo da celulosa superou os 1.350 dólares brutos por tonelada en xullo e os principais produtores anunciaron subas adicionais até os 1.380 dólares.

Ence sinalou que a mellora no prezo medio de venda continuou impulsando a marxe operativa do negocio, compensando amplamente a inflación xeneralizada no custo das materias primas e da loxística.

Así mesmo, a compañía indicou que, en liña coa súa nova política de dividendos, distribuirá un segundo dividendo a conta por importe de 32 millóns de euros, equivalente a 0,13 euros brutos por acción. Este segundo dividendo abonarase o vindeiro 12 de agosto e que se suma aos 13 millóns de euros distribuídos en maio.

Resultado bruto de explotación

En canto ao resultado bruto de explotación (Ebitda) do grupo no período de xaneiro a xuño deste ano, situouse nos 148,4 millóns de euros, cunha repunta de 151,8% fronte ao primeiro semestre de 2021.

Desta maneira, o Ebitda do negocio de celulosa elevouse a 70 millóns de euros no semestre, 70% máis que no mesmo período do ano pasado.

Pola súa parte, o Ebitda comparábel do negocio de enerxía renovábel ascendeu a 39 millóns de euros até xuño.

O fluxo de caixa libre xerado ascendeu a 129 millóns de euros na primeira metade deste ano, pechando o semestre cunha posición de caixa neta de 10 millóns de euros fronte a unha débeda neta de 102 millóns de euros a peche de 2021.

Aproveitar "oportunidades de crecemento"

A compañía pasteira afirmou que a fortaleza do balance "achega plena flexibilidade para aproveitar as oportunidades de crecemento que poidan xurdir" nos seus negocios de celulosa e enerxía.

Ademais, a compañía presidida por Ignacio de Colmenares subliñou que o crecemento no negocio de enerxía renovábel, a través da súa filial Magnon Green Energy, "seguirá centrado no desenvolvemento da súa carteira de proxectos de biomasa e fotovoltaicos, así como en novas oportunidades en análises".

Comentarios