Ence crea a súa filial de biogás, combustíbel xerado con eucalipto

O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de recoller a inscrición de Ence Biogás, unha nova filial de Ence coa finalidade de se especializar na produción deste recurso enerxético que ten no eucalipto unha das súas principais fontes de xeración. Precisamente, nesa mesma xornada, Feixoo apostou polo investimento público na promoción da industria forestal de biomasa.
A biomasa fabricada a partir de eucalipto é unha materia empregada para a xeración de biogás. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A biomasa fabricada a partir de eucalipto é unha materia empregada para a xeración de biogás. (Foto: Xunta da Galiza)

O BOE recolleu na quinta feira a inscrición mercantil dunha nova filial de Ence, nomeada como Ence Biogás, no que supón un paso máis nos plans desta empresa para o "crecemento en enerxía renovábel". 

Segundo explicou o Presidente e Director Executivo de Ence, Ignacio Colmenares, a estratexia da empresa é a de aproveitar as actuais "oportunidades vinculadas á xestión da enerxía, os biocombustíbeis, o biogás e o almacenamento", ao tempo que, a través da súa outra filial, Magnon Green Energy, "o grupo seguirá focalizado na súa liña principal de proxectos de biomasa e fotovoltaica".

Por outro lado, a venda en 2020 de até 49% das accións do grupo de empresas Ence Energía ao fondo de investimento británico Ancala Partners (o mesmo que vén de adquirir a xestión de gran parte dos helicópteros para a extinción dos incendios na Galiza após a operación de compra de activos da tamén británica Babcock) supuxo a revalorización do conglomerado empresarial de Ence Energía até os 880 millóns de euros, un grupo que é, na actualidade, o maior xerador de enerxía a partir de biomasa forestal e agrícola no Estado español. 

Eucalipto e biogás

O biogás é empregado como substituto do gas natural e, para a súa produción, realizase con biomasa, principalmente a procedente de terras agrarias e forestais, de residuos orgánicos de orixe animal e doméstico e dos cultivos enerxéticos. 

Os cultivos enerxéticos son aqueles cultivados exclusivamente para a produción de enerxía por combustión para despois ser transformados en combustíbeis sólidos, líquidos ou gasosos, como pellets, bioetanol ou biogás.

Feixoo sinala a industria forestal como solución

Pola súa parte, o presidente do Partido Popular estatal, Alberto Núñez Feixoo, apostou pola promoción da industria forestal nos montes como solución ás vagas de fogos que se están a producir, nunha palabras pronunciadas en València no mesmo día no que o BOE recollía a inscrición de Ence Biogás.

"O fundamental é que o monte teña valor", dixo Feixoo, "e darlle valor supón investir en industrias forestais que poñan en valor os bosques para que os bosques sexan coidados", proseguiu. "Isto significa máis industria forestal de biomasa, máis industria forestal de fibras téxtiles e máis industria forestal en definitiva", afirmou.

Ence e o PP apostan en pór o monte galego ao servizo da produción de biomasa, para a que os eucaliptos e outras especies en monocultivo xogan un papel fulcral. Á súa vez, a biomasa supón a materia prima para a fabricación de biogás. 

Nun contexto internacional no que se buscan alternativas ao gas natural e no que a produción enerxética supón un dos primeiros problemas xeopolíticos, os recursos naturais galegos aparecen unha vez máis no albo de Ence. 

Comentarios