O comité de empresa de Ence e CCOO, da man na concentración do transporte en Compostela

"Debemos amosar o noso apoio do mesmo modo que nos foi amosado por estes sectores na nosa causa, xuntos somos quen de poder loitar polos dereitos dos traballadores", dixeron, nun comunicado remitido ao persoal da factoría de Pontevedra e das empresas auxiliares.
A caravana de vehículos ao seu paso pola Avenida de Lugo, en Compostela, esta segunda feira (Foto:Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera A caravana de vehículos ao seu paso pola Avenida de Lugo, en Compostela, esta segunda feira (Foto:Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Un grupo de tractores, camións e outros vehículos do persoal dos sectores afectados pola suba dos combustíbeis organizou na mañá desta segunda feira unha marcha desde o recinto feiral de Amio, en Compostela.

A caravana dirixiuse a San Caetano, sede do Goberno galego, onde chegou a través da Avenida de Lugo, principal vía de comunicación da capital. Os manifestantes fixeron soar as bucinas dos seus camións en sinal de protesta.

A esta concentración acudiron conxuntamente a representación sindical de Comisións Obreiras (CCOO) na factoría de Ence en Pontevedra e o propio comité de oficinas centrais da compañía.

A través dun comunicado asinado este domingo, o comité de Ence e CCOO instaron o persoal da fábrica, das empresas auxiliares e doutras empresas do sector forestal e loxístico a participar da convocatoria desta segunda feira.

Mensaxe remitida ao persoal de Ence por CCOO e o comité de empresa.
Mensaxe remitida ao persoal de Ence por CCOO e o comité de empresa.

"Debemos amosar o noso apoio do mesmo modo que nos foi amosado por estes sectores na nosa causa, xuntos somos quen de poder loitar polos dereitos dos traballadores", defendían no escrito.

Os sectores aos que facían referencia son os que conforman a cadea de subministro, convocantes dun paro que dura xa oito días, nomeadamente "transportes, forestal, gandeiro e confrarías", entre outros.

Comentarios