As empresas galegas perderon até 14,5% dos seus beneficios en 2020

Até 13,5% das vendas das empresas galegas en 2021 saíron do Estado español.
David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo. (Foto: Europa Press)

A Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo presentaron na cuarta feira o Informe económico e de competitividade Ardán, que procesou as contas anuais de 2020 de 36.500 empresas galegas, cuns ingresos totais de 93.500 millóns de euros.

Del despréndese que os ingresos e o valor engadido bruto das firmas con domicilio social na Galiza baixaron 8,6% e 8,1% respectivamente en 2020, cando estalou a pandemia. Ademais, o beneficio neto das empresas galegas caeu 14,5%, mentres que a súa rendibilidade económica mantívose en 2,4% e a financeira en 4,6%.

"O informe ofrece unha visión completa da economía da Galiza desde múltiples dimensións: macroeconómica, análise do tecido empresarial e a súa actividade por sectores e territorio. Inclúe ademais diagnósticos sobre o desempeño das empresas galegas nos factores que se consideran chave para a competitividade no contexto actual como a innovación, a internacionalización, a circularidade económica, a xestión do talento e a igualdade de xénero", indicou o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, na presentación.

No lado positivo, xa con datos de 2021, a Zona Franca destacou o esforzo realizado polas empresas galegas no ámbito do I+D, que segue á alza e situouse en 1,5% da facturación e cada vez con máis fondos privados, "o que reflicte o crecente compromiso das compañías en recursos para innovación".

Aumento das exportacións

O documento tamén constata un crecemento anual da propensión exportadora das empresas galegas próximo a 5%. En 2021, máis ou menos, de cada 100 euros de vendas das empresas galegas, 13,5 euros tiñan como destino algún mercado internacional, sendo as compañías con máis de 50 persoas empregadas as que mostran unha intensidade exportadora máis alta.

Neste sentido, a fabricación de produtos farmacéuticos, a produción de vehículos de motor, as actividades de investigación e desenvolvemento ou o sector de fabricación de material e equipo eléctrico son as que máis sobresaen, cunha propensión exportadora superior a 50%.

Comentarios