Ancala Partners, socio de Ence, adquire concesións para a xestión de incendios na Galiza en plena vaga de lumes

No medio dunha das maiores vagas de lume na Galiza, a multinacional británica Babcock, que xestionaba boa parte dos helicópteros contra os incendios da Xunta e que foi condenada por prácticas fraudulentas, vén de traspasar os seus servizos ao grupo tamén británico e socio de Ence, Ancala Partners.
Os helicópteros de Babcock prestaban servizo na extinción dos lumes da Galiza. (Foto: Wikipedia)
photo_camera Os helicópteros de Babcock prestaban servizo na extinción dos lumes da Galiza. (Foto: Wikipedia)

Durante unha das vagas de lumes máis críticas na Galiza, a multinacional Babcock, parte importante do operativo da Xunta contra os incendios, vén de traspasar a concesión destes servizos no noso país.

A empresa, que contaba cunha filial específica para as súas operacións na Galiza, Babcock Mission Critical Services Galicia, chegou a un acordo co fondo de investimento tamén británico Ancala Partners para a venda dos seus negocios de servizos de emerxencia aérea en diversos territorios por un valor de 136,2 millóns, incluíndo as concesións en vigor coa Administración galega.

Relación con Ence

Ancala Partners incrementa, deste modo, a súa participación na economía galega, despois de que en novembro de 2020 adquirira até 49% das accións de Ence Energía SLU.

Pola súa parte, Babcock abandona así a xestión dos helicópteros de emerxencias na Galiza, cuxas concesións viña copando até o de agora. Ao tempo, a empresa británica vén de introducirse nun novo negocio potenciado pola Xunta, coa súa entrada no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.

Actividades fraudulentas

Desta forma, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, co emprego de fondos europeos, e en colaboración co Instituto Estatal de Técnica Aeroespacial, deu concesión a Babcock para dar comezo á primeira fase do polo tecnolóxico especializado en vehículos aéreos non tripulados que se instalará no centro de Rozas (Castro de Rei). Uns drons que servirán precisamente, para emerxencias e xestión sanitaria, forestal e mariña, así como para fins militares.

A multinacional e a súa filial na Galiza estiveron inmersas en problemas e polémicas legais nos últimos anos, chegando a ser condenada pola Xustiza española por evasión fiscal en 2018 e obrigada a pagar unha suma de 9,2 millóns de euros a Facenda. A empresa, dicía a Audiencia, “a través duns préstamos participativos ocultou o verdadeiro negocio realizado”.

En Italia a pena foi maior, segundo a Xustiza italiana en 2019, Babcock, xunto a outras empresas, "fixaban previamente os prezos das licitacións e se repartían o mercado italiano para prestar servizos", copando así o mercado, polo que a multinacional británica foi sancionada por 51 millóns de euros.

Os incumprimentos mesmo chegaron á Cámara na Galiza, cando en 2020, o BNG, a través da súa deputada Rosana Pérez, reclamou unha investigación sobre o posíbel incumprimento desta empresa, adxudicataria dos servizos de operación e mantemento dos helicópteros do Servizo de Gardacostas da Galiza, dependentes da Consellaría do Mar.

Estas prácticas, así como as malas condicións laborais do persoal de Babcock, levaron á propia Xunta a excluír a empresa, en 2019, nun momento no que estaba no albo da polémica, dun concurso para a licitación de dous helicópteros contra o lume por un valor superior a 15 millóns. Porén, pasado o tempo, as relacións entre Babcock e a Xunta volveron ser fluídas.

Comentarios