Ence e Reganosa, incluídas polo Goberno galego no Fondo de Transición Xusta

A Xunta escolle 36 proxectos de grandes empresas para beneficiarse dos fondos transferidos polo Goberno español.
Vista das instalacións portuarias da ría de Ferrol, coa planta de Reganosa e Forestal Atlántico en primeiro plano (Foto: Reganosa)
photo_camera Vista das instalacións portuarias da ría de Ferrol, coa planta de Reganosa e Forestal Atlántico en primeiro plano (Foto: Reganosa)

As novas plantas de Ence e Reganosa na Galiza figuran entre os 36 proxectos seleccionados polo Goberno galego para optar ao Fondo de Transición Xusta que o Estado español transferirá á Galiza.

Estas 36 propostas foron elixidas de entre as 54 solicitudes presentadas á convocatoria para grandes empresas, que foron avaliadas por técnicos do Inega e do Igape.

O Executivo galego sinalou que o programa dará comezo cando o Goberno español transfira á Galiza os 111 millóns de euros comprometidos dentro do Fondo de Transición Xusta.

As grandes compañías que non accederon agora ao programa quedarán excluídas da próxima convocatoria, á que si poderán optar as pequenas e medianas empresas "se así o consideran".

Proxectos seleccionados

Do total de 36 proxectos seleccionados, 24 están asociados ao campo enerxético, mentres que os 12 restantes están vencellados ao ámbito industrial.

Entre as solicitudes aceptadas polo Goberno galego sobresaen a planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovábeis, a fábrica de neumáticos de Sentury Tire e o novo centro de Ence para producir papel tisú.

Outros proxectos destacábeis son a planta de Nervión Naval Offshore para ensamblar estruturas de eólica mariña no porto de Ferrol; o centro de produción de metanol verde de Forestal do Atlántico en Mugardos e a ampliación das instalacións na Coruña da empresa de instalación Showa Denko.

Segundo o Goberno galego, estes fondos "facilitarán a xeración dun impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición enerxética, que no caso da Galiza corresponde coa Coruña, polo fechamento das centrais de Meirama (Cerceda) e das Pontes, prestando apoio aos territorios e traballadores afectados".

Comentarios