A compravenda de vivendas na Galiza caeu 11,9% en febreiro, moi por encima da media estatal

A nivel estatal, a compravenda de vivendas rexistrou en febreiro un descenso de 6,6% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, até un total de 50.186 operacións, sempre segundo informou esta quinta feira o INE.
Vivendas en construción (Foto: Arxina).
photo_camera Vivendas en construción (Foto: Arxina).

A compravenda de vivendas rexistrou en febreiro un descenso de 11,9% na Galiza, en comparación co mesmo mes de 2022, até as 1.515 operacións, nun contexto de tipos de interese máis elevados para conter a inflación, segundo datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, adquiríronse 69 vivendas por cada 100.000 habitantes no país. Pola súa parte, o número de leiras transmitidas rexistradas nos rexistros baixou 13,2% na Galiza, até 8.430 unidades, 387 por cada 100.000 persoas.

Deste total, 2.628 eran leiras rústicas, das cales 838 foron compravenda; 35, doazón; 36, permuta; 1.019, por herdanza, e 700 por outro tipo de transmisión.

Das 5.802 leiras urbanas, 2.885 transmitíronse por compravenda; 54, por doazón; 18, por permuta; 1.359, por herdanza, e 1.486, por outro tipo. En total transmitíronse 3.046 vivendas en febreiro na Galiza, das que 1.515 foron por compravenda; 25, por doazón; 5, por permuta; 825, por herdanza, e 676, por outro tipo.

Das 1.515 vivendas adquiridas, a gran maioría (1.470) era vivenda libre e 45, protexida. Ademais, 360 eran vivendas novas e 1.155, usadas.

Datos estatais

A nivel estatal, a compravenda de vivendas rexistrou en febreiro un descenso de 6,6% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, até un total de 50.186 operacións, sempre segundo informou esta quinta feira o INE.

Con este retroceso interanual, a compravenda de vivendas retorna a taxas negativas despois de que en xaneiro se rexistrasen máis de 56.300 operacións, 6,6% máis que no mesmo mes de 2022.

O descenso da compravenda de vivendas de febreiro debeuse á caída tanto das operacións sobre pisos de segunda man como as realizadas sobre vivendas novas.

En concreto, a compravenda de vivendas usadas baixou 5,5% no segundo mes do ano, até sumar 40.479 operacións, mentres que as transaccións realizadas sobre pisos novos diminuíron 11,1%, até as 9.707 operacións.

92,2% das vivendas transmitidas por compravenda en febreiro foron vivendas libres e 7,8%, protexidas. En total, a compravenda de vivendas libres baixou 6,5% interanual, até as 46.255 operacións, en tanto que a compravenda de vivendas protexidas retrocedeu 7,9%, até sumar 3.931 transaccións.

En taxa intermensual (febreiro sobre xaneiro), a compravenda de vivendas caeu 11%, o seu maior descenso nun mes de febreiro do últimos cinco anos.

Comentarios