A carga hipotecaria para as familias elevarase até 40% no ano 2024

Segundo un informe da axencia Fitch Ratings.
Zona residencial na cidade de Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Zona residencial na cidade de Lugo. (Foto: Nós Diario)

A alza dos tipos de xuro, coas revisións de cota que levan aparelladas as hipotecas subscritas a tipo variábel, elevará 10 puntos porcentuais, até 40% dos ingresos, a carga hipotecaria que deben soportar as familias galegas todos os meses, segundo se desprende dun informe elaborado pola axencia de cualificación crediticia Fitch Ratings.

A axencia estima que a ratio da débeda das hipotecas a tipo variábel sobre os ingresos das familias, calculada dividindo as cotas mensuais a pagar polos fogares fronte aos ingresos mensuais que entran nos mesmos, elevarase até unha taxa de 40% en 2024, desde o rango de entre 30% e 35% que se observaba durante o ano 2022.

Os cálculos da axencia realizáronse asumindo un aumento dos salarios nominais de 5%, un Euribor situado en 4% e unha ratio do diñeiro solicitado en préstamo sobre o valor dos inmóbeis das hipotecas de 60%.

Fitch indicou que o risco crediticio asociado con estes maiores tipos de xuro, que se multiplicaron por catro en apenas un ano, mitígase pola "ampla temporalidade" das titulacións hipotecarias, que abarcan préstamos dos últimos 14 anos.

A cualificadora estima que o prezo da vivenda medrará por baixo de 10% en 2023 e 2024 no conxunto do Estado español e que se manterá deprimida a demanda de primeiros compradores. Con respecto á taxa de morosidade (a ratio de préstamos errados ou de dubidoso cobro), Fitch calcula que se situará este ano e o que vén na contorna de 3% e de 3,75%.

No caso do alugueiro, estima que os fogares "seguirán sufrindo" a pesar das medidas do Goberno estatal como a conxelación das mensualidades. Segundo Fitch, o prezo do metro cadrado en alugueiro a nivel estatal subiu 60% desde 2013.

Necesidade de regular a liquidez do sector bancario

As recentes turbulencias nos mercados poden considerarse a primeira proba de tensión "real" á que se someteu ao sistema bancario desde a crise financeira de 2008, sinalou esta cuarta feira Pablo Hernández de Cos, gobernador do Banco de España.

Na súa opinión, o shock financeiro tras a caída de varios bancos nos Estados Unidos e Suíza supón un recordatorio da "importancia crítica" de contar con normas reguladoras prudentes e sólidas para o capital e a liquidez das entidades bancarias.

Comentarios