Só 144 vivendas protexidas para aluguer construídas na Galiza na última década

Houbo anos nos que non se certificou nin un só inmóbel de protección oficial.

O sector da construción e inmobiliario é onde máis abundan. (Foto: Luján / Europa Press)
photo_camera (Foto: Luján / Europa Press)

De 2014 a 2023 construíronse na Galiza 144 vivendas protexidas para aluguer, unha cantidade que se demostrou máis que insuficiente ante a grande demanda existente. Os demandantes dunha vivenda protexida de aluguer andan na Galiza nos 10.000.

Desas 144 vivendas con cualificación definitiva –rematadas e que xa pasaron os trámites precisos para poder ser habitadas- só unha pequen parte son de aluguer con opción a compra (12 construídas en case dez anos cando a demanda supera as 2.000 persoas).

Houbo anos, como 2014, 2015, 2017 ou 2019, nos que non se rexistrou nin unha soa vivenda construída. O exercicio nas que máis se  cualificaron foi 2016, con 117. No resto, ás pinguiñas: 3 en 2018, 3 en 202, 12 en 2021 e 9 o ano pasado, 2022.

Entre este ano e 2026 a Xunta da Galiza destinará 250 millóns de euros a aumentar o seu parque público de vivenda social para alugar. Alfonso Rueda comprometeu 1.800 vivendas máis que agora para chegar até as 5.600.  En tres anos, 1.800 vivendas mais nos nove anteriores só foron quen de facer 144.

Nin a lexislación básica estatal até o de agora nin a da inmensa maioría dos territorios, a Galiza entre eles, obriga á reserva dunha porcentaxe de vivenda protexida para alugar. Algo que si acontece en Euskadi.

Segundo a lei vasca de Vivenda, desde 2020 todas as cualificacións públicas de vivenda nova que fai o Goberno Vasco e Visesa —sociedade pública vasca para a vivenda de protección e renovación urbana—son en alugueiro. Só as VPO de promoción privada poden destinarse á compra. 

Tanto o BNG como o PSdeG teñen criticado a política en vivenda da Xunta da Galiza, pois sinalan que a mesma apenas actúa en vivenda pública.

Comentarios