As compañías eólicas ingresaron na Galiza 793,2 millóns de euros no ano 2023

A Galiza é unha gran potencia de xeración eólica e representa unha parte significativa nos beneficios das grandes empresas enerxéticas do Estado. Só en 2023, estas ingresaron pola súa actividade na Galiza 793,2 millóns de euros, sendo as principais beneficiadas Iberdrola, Acciona, Naturgy e Enel.

EuropaPress_5730714_aerogeneradores_parque_eolico_sil_meda_31_mayo_2023_esgos_ourense_galicia
photo_camera Parque eólico do Sil e Meda de Iberdrola, no concello de Esgos, na comarca de Ourense. (Foto Europa Press).

As compañías eléctricas con actividade na Galiza obtiveron en 2023 uns ingresos de 793,2 millóns de euros. A maior facturación correspondeuse cos meses de marzo (108,7 millóns de euros), outubro (88,9 millóns), febreiro (88,5 millóns), xaneiro (86,4 millóns) e outubro (103,19 millóns). Os números das empresas víronse favorecidos pola alza da produción

O prezo da electricidade no mercado grosista rexistrou un custo medio para a anualidade de 87,3 euros megawatts hora (MWh). As tarifas máis elevadas déronse nos meses de febreiro con 133,5 euros MWh, setembro con 103,3 euros MWh, agosto con 96,1 euros Mwh e outubro con 90,1 euros Mwh. Precisamente, os prezos máis altos en todas estas mensualidades estiveron fixados pola electricidade de orixe hidráulica.

A produción eléctrica de orixe eólica situouse en 2023 na Galiza en 9.086.177 MWh. Segundo os datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE) para ese exercicio, os meses con máis xeración de procedencia eólica corresponderon con marzo, con  1.214.149 MWh; xaneiro, con 1.174.284 MWh, e con novembro, con 1.024.491 MWh.Neste caso, as cifras do último trimestre do ano resultaron decisivas para manter os niveis medios de xeración do país nos últimos anos.

As empresas de xeración eólica diminuíron os seus ingresos en relación a 2022 en 1.196,4 millóns de euros. Neste sentido, a facturación das compañías enerxéticas pola súa produción renovábel nesa anualidade foi de 1.989,6 millóns de euros, alcanzando a maior recadación no meses de marzo con 252,4 millóns de euros, outubro con 188,4 millóns, xaneiro con 165,2 millóns e o mes de decembro con 163,4 millóns.

A redución dos ingresos das compañías eólicas no último ano estivo condicionada pola baixa do prezo da luz, situándose 63,4% por baixo dos valores de 2022. Segundo as cifras achegadas polo Operador do Mercado Ibérico da Enerxía (OMIE), en 2022, o prezo medio anual da electricidade no mercado grosista situouse en 204,7 euros o MWh. Así, os custos máis elevados rexistráronse en marzo (294,3 euros o MWh), agosto (252), setembro (217,2) e xaneiro (210).

Os ingresos das compañías eólicas marcaron en 2023 o seu terceiro mellor rexistro da serie histórica, ficando o prezo da electricidade por encima da media da última década. Neste sentido, a facturación das empresas eólicas só foi superior en 2021 e 2022, as mesmas dúas únicas anualidades onde o recibo medio anual da luz estivo por encima dos valores do pasado exercicio, tras chegar a 118 euros MWh e a 204,7 euros MWh.

A xeración eléctrica de orixe eólica situouse en 633.933 MWh por baixo de 2022, cando produciu 9.720.110 MWh. Porén, a produción de electricidade de natureza renovábel incrementouse en 3.462.442 MWh ao pasar de 14.524.646 MWh en 2022 a 17.987.088 MWh, como consecuencia do incremento da electricidade de orixe hidráulica, que medrou na anualidade en 4.229.882 MWh, fechando cunha produción de 8.363.887 MWh.

A Galiza exportou en 2023 42,6% do total da enerxía xerada durante esa anualidade.  Segundo as cifras ofrecidas por Rede Eléctrica Española (REE), 10.716.518 MWh saíron do país ao longo dese exercicio, sendo o principal destinatario da produción galega Madrid, nese mesmo período consumiu 29.197.598, dos cales só xerou 938.843 MWh, isto é 3,2% da demanda interna.

Beneficios millonarios

Os beneficios das empresas eólicas son elevados. Os estudos elaborados por diversos organismos independentes estiman nun prazo inferior a catro anos a recuperación do investimento necesario para erguer un parque eólico, algo que non acontece en case ningún proxecto económico. A maiores, máis de dous terzos da potencia eólica da Galiza está suxeita a un sistema de primas por parte do Estado, que subvenciona a súa produción xerando uns ingresos extraordinarios.

O Observatorio Eólico da Galiza (OEGA) estuda os beneficios xerados por diversos complexos eólicos. Así, por exemplo, ten analizado o caso do parque eólico Badulaque, unha instalación de 102,4 MW que a empresa pública italiana Enel pretende instalar nos concellos de Cedeira, Moeche e Valdoviño (Ferrolterra) e Cerdido (Ortegal).

A súa construción require dun investimento de 142 millóns de euros; porén, OEGA asegura que "se o prezo fose a media de 2020, a facturación alcanzaría os 25 millóns de euros. Até case 60 millóns se o prezo fose o de 2021. Ese volume de facturación alcanzaría os 82 millóns de euros anuais se o prezo medio fose o de 2022. E de ser o de setembro de 2023, esa facturación anual alcanzaría case os 54 millóns". Así, a valores de 2023, a instalación estaría amortizada en menos de tres anos.

As marxes de beneficio das instalacións eólicas non van acompañadas nun aumento dos ingresos para as propietarias e os propietarios dos terreos onde se instalan os parques nin para as Administracións. Sen ir máis lonxe, o parque Badulaque achegaría anualmente para as arcas públicas 392.000 euros, dos que 95.000 serían recadados pola Xunta da Galiza en concepto de canon eólico e 297.000 polos Concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche e Valdoviño polo pago do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) e do Imposto de Actividades Económicas (IAE)

Iberdrola, Acciona, Naturgy e Enel son os principais operadores da Galiza

A Galiza representa unha parte importante na conta de resultados das compañías enerxéticas con sede en Madrid. Neste sentido o primeiro xerador de electricidade de orixe eólica é Iberdrola, con 626 megawatts e 18 parques no país, sendo os seus accionistas de referencia o fondo soberano de Qatar, con 9,72%, Kutxabank, o Banco de Noruega e o fondo de investimentos estadounidense Blackrock. Pola súa parte, a empresa italiana Enel, propietaria da antiga Endesa e con sede social na capital do Estado, písalle os talóns a Iberdrola con 588 megawatts. A continuación sitúase Acciona Enerxía, a sociedade madrileña propiedade da familia Entrecanales. que explota 562,3 megawatts e 26 parques eólicos na Galiza, construídos entre 1998 e 2005.

Naturgy, con sede tamén en Madrid, conta con 462 megawatts e 19 complexos de xeración no país, sendo o cuarto operador eólico e tendo como o seu principal accionista a financeira La Caixa, con 24,4% do capital. Fecha esta listaxe, no quinto posto, Eurus con 363 MW e cuxa titularidade corresponde á xaponesa Toyota.

As enerxéticas tramitan a instalación de 12.982 MW eólicos na Galiza, o que implicaría aumentar en 60,1% a potencia eólica terrestre actualmente en funcionamento. Nesta situación atópanse 8.940 MW en 273 parques en 189 concellos, tras denegar onte a Xunta a autorización para o parque Vaqueira en Outes (comarca de Noia) e Tramontana, na serra do Larouco, e que afectaba as comarcas de Verín e A Limia. Aliás, hai 4.679 MW en tramitación por parte do Goberno estatal, que ten competencias para autorizar complexos de eólica cunha potencia superior a 50 MW.

Comentarios