As 45 primeiras empresas eólicas con sede na Galiza só dan emprego a 37 persoas

Malia só xeraren 37 postos de traballo na Galiza, a rendibilidade económica das 45 primeiras empresas eólicas incrementouse en 16,3 puntos en 2022, como sinala o Informe Ardán, que vén de actualizar os datos referidos ao sector eólico.

 

 

Antiga planta de Vestas en Viveiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera A fábrica de Vestas de Viveiro deixou de fabricar compoñentes e equipos eólicos en 2021, deixando 80 persoas sen emprego. (Foto: Europa Press).

As 45 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza ocupan 37 persoas no país. Segundo os datos recollidos no Ardán, informe de referencia sobre sistema empresarial galego elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo -que ofrece información de todas as compañías con enderezo no país cuxa facturación supera os 250.000 euros-, en 2022, último ano con cifras, as principais sociedades enerxéticas galegas empregaron 37 persoas.

O relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo non incorpora datos daquelas sociedades dedicadas á xeración eólica con actividade na Galiza pero con sede social en Madrid. Neste sentido, non achega cifras de emprego de moitas das compañías dos principais operadores enerxéticos con presenza no país, como pode ser Iberdrola ou Acciona. Porén, nestes casos, os traballos de mantemento son realizados a maioría das veces por empresas subcontratadas asentadas no país.

As baixas cifras de ocupación do sector eólico contrastan cos elevados beneficios. A este respecto, o Informe Ardán, analizando as contas presentadas polas primeiras 45 empresas eólicas galegas no rexistro mercantil, sinala que os ingresos medios por traballador en 2022 sitúanse en 1,7 millóns de euros, ficando o valor engadido bruto (VEB) por empregado en 1,5 millóns. Así, apunta a que a rendibilidade económica desas compañías na referida anualidade está en 32,8% e a rendibilidade financeira en 54,2%, o que significa que por 100.000 euros investidos o beneficio é de 54.200 euros, unha contía moi superior ás diferentes áreas de negocio.

As ganancias das compañías eólicas situáronse en máximos históricos en 2022. Segundo as cifras ofrecidas polo Informe Ardán, a rendibilidade económica destas 45 empresas eólicas incrementouse en 16,3 puntos en relación a 2021 e en 27,7 puntos en relación a 2020 e a rendibilidade financeira medrou en 16,2 puntos e en 47,6 puntos respectivamente. Ao tempo, os ingresos por empregado creceron no último exercicio en perto de 200.000 euros e o valor engadido bruto subiu en 470.000 euros. Nesta liña, estas sociedades dedicadas á xeración de electricidade de orixe eólico ingresaron no ano 2022 na Galiza 561,7 millóns de euros e alcanzaron un valor engadido bruto de 478,1 millóns de euros.

Ingresos e beneficios

Os datos do Informe Ardán constatan unha caída dos custos de man de obra e de ocupación. Así, o custo medio por empregado baixou en 40 euros anuais nun contexto de importante alza da inflación, pasando de 44.431 euros en 2021 a 44.391 euros en 2022. Aliás, en 2021, as 44 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza ocuparon 40 persoas no país, o que representa 0,90 ocupados por sociedade, ficando en 2022 en 0,82 ocupados por sociedade, ao empregar as 45 primeiras compañías eólicas con sede social na Galiza  só 37 persoas. Nesta dirección, os números achegados certifican o escaso impacto na creación de postos de traballo do negocio eólico, como todas as actividades enerxéticas moi intensivas en capital, mais non en emprego.

As cifras recollidas polo Informe Ardán están na liña dos estudos elaborados por diversos especialistas e organismos. A este respecto, un informe publicado polo Banco de España, titulado Do renewables create local jobs?, sinala que os parques eólicos non crean emprego naqueles concellos onde se instalan. Nesta dirección, apunta a que "non atopamos incrementos de emprego nos meses próximos á apertura de parques eólicos nos municipios onde se sitúan as instalacións".

O relatorio, obra de Natalia Fabra, catedrática da Universidade Carlos III, e dos investigadores do Banco de España Eduardo Gutiérrez, Aitor Lacuesta e Roberto Ramos, estuda o impacto das instalacións renovábeis sobre o emprego en 3.200 concellos e conclúe que as plantas eólicas "non crean emprego nos municipios onde se instalan". Engade que as instalacións solares "aumentan o emprego pero non das persoas residentes nos concellos" onde se localizan.

Os datos da patronal en cuestión

O estudo elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo desminte as cifras de ocupación ofrecidas pola Asociación Empresarial Eólica. Neste sentido, o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2022, promovido pola patronal estatal do sector e elaborado por Deloitte, sinala que nesa anualidade as empresas eólicas ocupaban na Galiza 3.760 persoas. A este respecto, especialistas como a economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rosa Regueiro, ou o profesor de Urbanismo e Ordenación de Territorio na Universidade de Granada Alberto Matarán Ruíz cuestionan eses datos. Os proxectos eólicos crean emprego no proceso de construción e montaxe dos parques mais unha vez entran en funcionamento o seu mantemento ocupa moi pouco persoal. Nesta liña, Regueiro apunta que “na fase de construción dos parques precisa máis mans de obra, unha man de obra rotativa e inestábel, e nos traballos de mantemento, menos emprego que, pola contra, é máis estábel e sostido no tempo”. Sen ir máis lonxe, as compañías eólicas empregan no concello de Muras (A Terra Chá) catro persoas, malia contar o municipio con 20 parques eólicos e 381 aeroxeradores en actividade.

A crise do sector de fabricación de equipos eólicos na Galiza e na UE

A Galiza contou a comezos do presente século con máis de 5.500 traballadores e traballadoras nas empresas de fabricación de equipos e compoñentes eólicos. Firmas galegas como LM Composites ou Emesa, e, tamén, foráneas como Vestas ou Gamesa protagonizaron este proceso. Porén, a existencia destas compañías non significou a existencia dun sector empresarial ligado á eólica terrestre.

O gran desenvolvemento da eólica nos últimos anos estivo acompañado do desmantelamento da industria de compoñentes asociada a esta actividade.  Precisamente, neste contexto situouse o fechamento nos dous últimos anos de LM Composites nas Pontes (Eume), de Vestas en Viveiro (A Mariña) ou de Siemens-Gamesa nas Somozas (Ferrolterra). Sen ir máis lonxe, o cesamento de actividade de Vestas significou a perda de 133 empregos e o de Siemens-Gamesa o de 200.

A crise do sector de fabricación de equipos e compoñentes eólicos é común a todo espazo comunitario. Neste sentido, estes traballos están concentrados na área asiática e, moi particularmente na China, de onde proceden boa parte dos aeroxeradores e placas solares que se están instalando no conxunto da Unión Europea. Ao tempo, as actividades de alto valor engadido ligadas ao negocio eólico emprázanse fóra das zonas produtoras de electricidade, sitúanse nos denominados centros capitalistas. Tanto é así, que Madrid, unha comunidade sen un só megawatt instalado, rexistrou entre 2006 e 2020 até 149 patentes eólicas e Galiza só 37.

Comentarios