Naturgy achégase aos 2.000 millóns de beneficio ao gañar até 20% máis

Naturgy obtivo un beneficio neto de 1.986 millóns de euros en 2023, o que representa un incremento de 20,4% con respecto ás ganancias de 1.649 millóns do ano anterior, nun exercicio no que impulsou os seus investimentos até os 2.944 millóns de euros, 53% máis, segundo informou a compañía. Pola súa parte, o importe neto da cifra de negocios do exercicio 2023 ascendeu a 22.617 millóns de euros, 33,4% menos que o ano anterior, principalmente como resultado dos prezos excepcionalmente altos da enerxía en 2022, dos que a principal gasista e terceira eléctrica do Estado español tirou proveito para aumentar a súa caixa. A multinacional, segunda produtora hidráulica da Galiza con 1.120 megawatts e 12 encoros e terceira xeradora eólica con 93,2 megawatts e 16 complexos no territorio galego, puxo o foco dos seus obxectivos neste ano na xeración renovábel de electricidade, polo que non é descartábel que intente reafirmar a súa posición no liderado do aproveitamento dos recursos galegos con novos proxectos.

Central hidroeléctrica das Portas, no concello de Vilariño de Conso, na comarca de Viana (Foto: Pifate).
photo_camera Central hidroeléctrica das Portas, no concello de Vilariño de Conso, na comarca de Viana (Foto: Pifate).
Comentarios