Rueda carga contra o TSXG pola paralización de eólicos e a consulta á Xustiza europea: "É inédito"

O presidente da Xunta defende que todos os proxectos que autorizou "cumprían coas obrigas desde un criterio técnico" e lamenta as "graves consecuencias" dunha "paralización total" do sector.
Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda, esta quinta feira, durante a reunión semanal do Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda, esta quinta feira, durante a reunión semanal do Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

As últimas decisións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza sobre proxectos eólicos non agradan nin ao Goberno galego nin á patronal, que as reciben como unha xerra de auga fría logo de considerar encarreirados as decenas de parques xudicializados tras a sentenza do Tribunal Supremo sobre o de Corme en decembro pasado. Aquel auto rexeitaba os prazos de alegacións e dos trámites de información pública como argumento para decretar medidas cautelares, cuestión que o alto tribunal galego decidiu elevar á Xustiza europea esta cuarta feira para aclarar se a lexislación galega e mais a estatal cumpren o disposto nas normativas comunitarias. E só un día antes anunciaba a paralización cautelar doutros trece parques eólicos alegando motivos diferentes á disputa sobre os informes sectoriais, nomeadamente as potenciais afeccións ao medio ambiente.

Após coñecer a decisión primeira do TSXG, a conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, avanzou que a Xunta recorrerá novamente ao Supremo para tentar levantar o veto sobre os proxectos que autorizou nos últimos meses, entendendo que son acordes á lei e que sempre fixo "ben" os seus trámites. "Xa non se centran na declaración de impacto ambiental, senón que buscan outro recurso e fan caso omiso ao que di o Supremo", afeou a conselleira.

E esta quinta feira foi o propio presidente, Alfonso Rueda, quen cargou contra unha serie de decisións que cualificou de "inéditas". Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, dixo que lle parece "moi curioso" e que lle "chaman a atención" as últimas sentenzas do TSXG, lembrando que as anteriores foron "emendadas" polo Supremo —no relativo aos informes sectoriais— a través dun auto "claro e categórico" que, denunciou, os maxistrados galegos optan por "ignorar", se ben o certo é que os últimos veredictos non coliden coa doutrina fixada polo alto tribunal español.

Malia que na rolda de prensa foi interpelado sobre a presenza do candidato de En Marea á Presidencia en 2016 e ex deputado, Luís Villares, na Sala que está a xulgar estes procedementos, Rueda evitou polemizar e mencionalo de forma explícita, e limitouse a afirmar que o seu Goberno "respecta" as decisións xudiciais, se ben neste caso non as comparte. A Xunta, dixo, vai "reaccionar" elevando o caso novamente ao Supremo.

Sobre a suspensión temporal do litixio relativo ao parque eólico A Ruña III —e a súa posíbel extensión a outros expedientes semellantes— até que o Tribunal de Xustiza da UE emita o seu veredicto na polémica xudicial sobre os informes sectoriais, un proceso que podería demorarse case un ano e medio, o presidente galego alertou das "gravísimas consecuencias" que tería a "total paralización" do sector.

Rueda entende que todos os proxectos que pasan polas mans da Administración galega son supervisados de forma "estrita" polo seu persoal técnico e que "moitos" non saíron adiante, precisamente, por non cumpriren os requisitos indispensábeis. "Pero os que foron aceptados cumprían coas obrigas desde un criterio técnico", insistiu.

Comentarios