Unha de cada catro persoas atópase en risco de pobreza ou exclusión social

Até 6,2% da poboación sufriu "carencia material e social severa" en 2021.
Máis de 70% das pensións da Galiza son inferiores aos 1.000 euros ao mes, unha cifra que ascende até 83% no caso das mulleres (Foto: Europa Press).
photo_camera Máis de 70% das pensións da Galiza son inferiores aos 1.000 euros ao mes, unha cifra que ascende até 83% no caso das mulleres (Foto: Europa Press).

25,2% da poboación galega, 679.303 persoas, están en situación de risco de pobreza ou exclusión social, segundo indica a enquisa de condicións de vida de 2021 do Instituto Estatal de Estatística (INE).

O indicador calcúlase a partir das taxas de persoas en risco de pobreza, de 20,2%, con carencia material e social severa, de 6,2%, e residentes en fogares con baixa intensidade no traballo, de 10,2%.

A cifra de 6,2% correspóndese cun total de 167.130 persoas que se atopan en situación de carencia material e social severa. Unha situación de emerxencia social que empeora con respecto aos anos previos.

Se ben a taxa de risco de pobreza, de 20,2%, baixou en relación á de 2020, de 22,1%, hai que ter en conta que esta subiu progresivamente desde 2014, cando era de 15,4%. 

O indicador de carencia material e social severa, de 6,2%, si subiu en relación ao 2020, pasando a ser practicamente o dobre, xa que este era do 3,2%. Por outra parte, a porcentaxe de persoas que residen en fogares que padecen baixa intensidade no traballo tamén subiu, de 8,7% a 10,2%. 

Segundo a Enquisa de condicións de vida do INE do ano 2021, analizada esta sexta feira por UXT nun informe, as persoas galegas teñen unha renda media por fogar de 27.698 euros, por debaixo dos 30.552 do resto do Estado, e unha renda media por persoa de 11.453 euros ao ano, tamén inferior á media estatal, de 12.269.

Ademais, tan só 61,07% das persoas en paro da Galiza teñen cobertura do desemprego, e dese total, tan só 43,8% teñen prestacións contributivas, polo que o resto, que perciben subsidios ou rendas activas de inserción, perciben contías máis limitadas.

Por outra parte, un total de 540.537 pensións na Galiza, 70,4% do total destas prestacións, son inferiores aos 1.000 euros ao mes, porcentaxe que sobe a 83% no caso das mulleres. Ademais, 169.188 pensións son inferiores aos 500 euros.

A emerxencia social tamén atinxe ás persoas con emprego, unha situación que se ve incrementa ante a perda de poder adquisitivo da poboación galega, pois mentres que até xullo os salarios subiron na Galiza unha media de 3,79%, a inflación interanual nese mes foi de 11,5%.

A secretaria de políticas sociais de UXT, María Isabel González Jardón, defendeu esta sexta feira que ante a situación de emerxencia social "os salarios teñen que medrar na mesma medida que o fan os prezos, polo que hai que garantir as cláusulas de revisión salarial".

Ademais, sinalou que "para protexer ao colectivo de persoas traballadoras máis vulnerábeis, é imprescindíbel facer unha aposta decidida por incrementar o salario mínimo".

Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG, declarou a Nós Diario que "as cifras de poboación galega en situación de pobreza ou risco de exclusión social son escandalosas".

Méndez afirmou que "desde a CIG xa viñamos advertindo" das consecuencias dunhas "políticas antisociais desenvoltas, primeiro, coa escusa da crise de 2008, despois coa da pandemia de Covid-19, e agora a conta da guerra en Ucraína" que "non levaban outro camiño que precisamente este, un enorme aumento da pobreza, en paralelo ao aumento da precariedade e da perda de dereitos".

Soben 34% as persoas que perciben o Ingreso Mínimo Vital

Un total de 19.026 prestacións de Ingreso Mínimo Vital (IMV) beneficiaron ao redor de 46.428 persoas durante o pasado mes de xuño na Galiza, un aumento de 34,2% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, estima CCOO nun informe ao que tivo acceso Nós Diario.

O sindicato calcula que a contía media da prestación por fogar situaríase en 507,32 euros e por persoa beneficiaria en 207,90 euros. O IMV "é positivo mais aínda é insuficiente para dar resposta á cifra de 20,2% da poboación galega que está en risco de pobreza", sinalou a responsábel de Emprego de Comisións Obreiras, Maica Bouza, a este xornal.

Como adoita acontecer nas prestacións de carácter asistencial, o número de mulleres perceptoras do IMV é superior ao dos homes, neste caso o número de perceptoras é máis do dobre que o de perceptores, 13.006 mulleres fronte a 6.020 homes.

Comentarios