As hipotecas encareceron un 35% no mes de setembro pola suba do euríbor

A suba da inflación déixase notar de diversos modos na perda de poder adquisitivo.  Unha destas expresións é a alza das hipotecas variábeis, que no pasado mes de setembro rexistraron unha suba sen parangón en toda a serie histórica desde que comezou a funcionar o euríbor en 1999.
Os bancos están obrigados por lei a mudar as condicións de hipotecas cando un cliente decide pasalas de tipo variábel a fixo (Foto: Europa Press).
photo_camera Os bancos están obrigados por lei a mudar as condicións de hipotecas cando un cliente decide pasalas de tipo variábel a fixo. (Foto: Europa Press)

O incremento das cotas das hipotecas situouse no pasado mes de setembro en 35%. Así, un préstamo medio de 137.921 euros a pagar en 24 anos, cunhas condicións contractuais tipo de xuros do euríbor máis un punto, encareceuse en 180 euros ao mes, obrigando ao prestatario a pagar 2.160 euros máis ao ano.

A alza dos préstamos

As causas da suba dos créditos hipotecarios débense buscar na alza do euríbor. Precisamente este índice que marca o tipo europeo da oferta interbancaria fixa o tipo de xuro ao que unha serie de entidades de crédito da zona euro están dispostas a prestarse o diñeiro entre elas. A principal razón do incremento do euríbor atópase no cambio da política monetaria por parte do Banco Central Europeo (BCE).

As autoridades bancarias comunitarias asumen a doutrina que vincula o aumento da inflación a un incremento da masa monetaria e por conseguinte entenden que unha diminución da mesma reduce a alza dos prezos. Porén, o destacado incremento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) desde a segunda metade de 2021 semella desmentir este aforismo da economía clásica.

A suba do euríbor

O euríbor a 12 meses situouse a finais de setembro en 2,55 puntos, deixando a media mensual en 2,23 puntos. Tendo en conta que un ano antes atopábase en negativo, rexistrando -0,42 puntos, moi perto do seu solo histórico, a diferenza entre ambos os valores supera 2,77 puntos. A este respecto, hai que retrotraerse até o ano 2000 para poder encontrar unha diferenza interanual superior ao deste exercicio.

A escalada do prezo do diñeiro non parou desde que o BCE subiu por primeira vez os tipos no pasado mes de xullo. Tanto é así que o regulador bancario europeo aprobou outra alza en setembro, deixando o euríbor en 1,25 puntos, se ben este índice xa marca aproximadamente o dobre no mercado interbancario, sinal claro de que as entidades de crédito agardan outro incremento de tipos do Banco Central Europeo.

Máis subas do euríbor

A profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Cadaval sinala a Nós Diario: “A miña impresión é que o Banco Central Europeo vai continuar coa súa política restritiva”. 

Nesta liña, explica que “os responsábeis do regulador bancario europeo consideran que a suba de tipos non está conseguindo o obxectivo de reducir a inflación polo que teñen previstas varias subas do euribor máis nestes próximos meses”.

Cadaval dá por feito “dúas subas máis dos tipos de xuro no que queda de 2022 e a comezos de 2023”. Así, considera que “as cotas das hipotecas de tipo variábel van continuar medrando nos próximos meses” porque o BCE “quere seguir arrefriando o prezo do diñeiro” e iso “obriga a contraer a contía da masa monetaria”.

Renegociar as hipotecas  para pasalas a prazo fixo

A economista da USC recomenda que “as persoas que teñen hipoteca a tipo variábel e aínda lles queda moito por pagar deben contactar coas súas entidades para renegociar as súas condicións pasándoas a prazo fixo”. Nesa liña, significa que “os bancos están obrigados por lei a cambiar as condicións de hipotecas cando algún cliente decide pasalas de tipo variábel a fixo”.

As hipotecas a prazo fixo estanse convertendo na alternativa para moitas persoas. Tanto é así que en xullo as mesmas rexistraron a porcentaxe máis elevada de todo o ciclo histórico. Segundo os datos ofrecidos polo Banco de España para ese mes, tres de cada catro novos clientes hipotecarios optaron por prestamos a tipo fixo para previr os incrementos do euríbor. Porén, a maioría dos créditos vivos continúan a prezo variábel, dado que tradicionalmente as hipotecas a tipo fixo eran marxinais, mesmo até despois da propia pandemia polo prezo do diñeiro.

Comentarios