Os tipos de xuro alcanzan o maior valor desde 2009 após a suba de 0,75% do BCE

O custo dos préstamos bancarios elevarase nos próximos meses.
A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Boris Roessler / DPA).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Boris Roessler / DPA).

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu esta quinta feira elevar os tipos de xuro de novo en 0,75%, polo que índice aplicado aos bancos nas operacións principais de financiamento situarase en 2% e nas de facilidade de préstamo en 2,25%, mentres que a taxa de facilidade de depósito alcanzará 1,5%.

Así, o prezo do diñeiro situouse no seu nivel máis elevado desde xaneiro de 2009, cando o BCE iniciou unha senda de estímulos a nivel monetario que se interrompeu brevemente en 2011, cando decidiron subir os tipos de xuro durante uns meses.

O tipo de xuro das operacións principais de financiamento marca a taxa que os bancos pagan para obter financiamento a unha semana do BCE, mentres que o das operacións de facilidade de crédito marca os pagamentos para obter financiamento a un día. En ambos os casos, as entidades financeiras deben achegar garantías que aseguren a devolución dos fondos recibidos.

As taxas que pagan os bancos para financiarse a través do banco central trasládanse ao Euríbor, o Tipo Europeo de Oferta Interbancaria, que se refire ao prezo ao que as entidades bancarias europeas se prestan diñeiro entre si. Este índice ten unha grande importancia para as persoas usuarias de préstamos hipotecarios, pois tamén marca o prezo que estas pagan, unha cantidade que previsibelmente, aumentará nos próximos meses.

O Consello de Goberno do BCE subliñou que con esta terceira suba consecutiva dos tipos de xuro logrou "un avance considerábel na reversión da orientación acomodaticia da política monetaria". Porén, o banco central aínda prevé seguir subindo os tipos de xuro para devolver a inflación ao obxectivo de 2%.

O instituto emisor mantivo a súa opinión de que a inflación "segue sendo excesivamente elevada". Ademais, xustificou que a súa política de subir tipos de xuro "está orientada a reducir o apoio á demanda e proporcionar protección fronte ao risco dun desprazamento persistente á alza das expectativas de inflación".

Inflación e PIB

O produto interior bruto (PIB) da zona euro rexistrou un incremento intertrimestral de 0,8% no segundo trimestre de 2022, unha décima máis que nos tres meses anteriores, de acordo aos últimos datos publicados por Eurostat, a oficina de estatística da Unión Europea (UE).

Por outra parte, os prezos rexistraron no mes de setembro unha inflación de 9,9%, oito décimas máis que no mes anterior, debido ao incremento dos prezos da enerxía e dos alimentos, marcando a súa máxima desde que hai rexistros históricos.

Así mesmo, a taxa interanual de inflación subxacente dos Estados que adoptaron o euro como moeda común, que é o resultado de excluír do cálculo a evolución dos prezos da enerxía, os alimentos frescos, o alcol e o tabaco, elevouse en cinco décimas, até 4,8%.

Con respecto ao desemprego, a taxa de agosto da zona euro, a última dispoñíbel, mantívose sen cambios en 6,6%. No conxunto da UE, o paro situouse en 6%, tamén a mesma cifra que o mes anterior. O próximo encontro o Consello de Goberno do BCE celebrarase o 15 de decembro de 2022, cando se agarda que o banco central aplique unha nova suba dos tipos de xuro.

Unha medida que "fomenta as desigualdades"

Adrián Dios, profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela, en declaracións a Nós Diario, explica que a suba dos tipos de xuro vai provocar "a desaceleración da economía da UE". Dios tamén sinal que se trata dunha medida que "fomenta as desigualdades", xa que "as persoas aforradoras, a xente que ten máis riqueza no seu banco, vai gañar máis cartos, mais as que teñen débeda veranse obrigadas a ter  que reducir o seu consumo".

Comentarios