O BNG propón un fondo de rescate hipotecario para primeras viviendas no que a banca achegue 75%

Pontón propón un Fondo de rescate hipotecario para as familias.
Ana pontón, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo esta segunda feira un fondo de rescate hipotecario no que a banca achegue 75% da contía, como unha maneira de "devolver" o que achegaron na crise anterior para o rescate das entidades.

Este fondo estaría destinado a galegos e galegas con ingresos inferiores ao salario medio do Estado (26.832 euros anuais) e cuxa hipoteca teñan que dedicar un 30% dos seus ingresos mensuais netos.

En rolda de prensa, a líder da oposición reclamou á Xunta que "tome a iniciativa" e se anticipe ante o "grave problema" que está a supor a suba dos tipos de interese para as 225.000 familias galegas que están a pagar unha hipoteca e que, por tanto, non se limite "a tomar nota" do que previsibelmente sucederá.

Pontón advertiu de que a crise vai supor "apertar un buraco máis" no cinto para os galegos e galegas, que xa non "poden" soster nesa situación. Segundo os estudos, vai implicar de media subas de 200 euros mensuais, o que para algunhas familias pode significar perder as súas vivendas habituais.

Dar un paso "á fronte"

Recordou a portavoz nacionalista que mentres as familias viven afogadas co "descontrol "de prezos, a gran banca acumulou 16.000 millóns de euros de beneficio nos primeiros nove meses do ano, mais a día de hoxe "só devolveu unha parte ínfima" dos 90.000 millóns do rescate "que pagou a cidadanía hai apenas unha década" polo rescate bancario.    

Para Pontón, "a Xunta non pode seguir arrastrando os pés nesta crise", polo que reclamou medidas como esta que expuxo o BNG. "Este é un momento no que toca rescatar ás persoas, pero motu propio a banca non vai devolver ni un euro, por iso toca que os Gobernos lexislen e adopten medidas en defensa da maioría social", concluíu.

Comentarios