domingo 28/11/21

A banca destruíu 5.500 empregos e fechou máis da metade das oficinas na última década na Galiza

O proceso de reconversión do sistema financeiro comezado en 2008 déixase notar na Galiza. Por unha banda, acelérase o proceso de destrución de emprego no sector, exemplificado nos diversos procedementos de ERE nos que están embarcadas algunhas das entidades. Ademais, asístese a un proceso de exclusión financeira, con especial impacto nas áreas rurais e na poboación de menor poder adquisitivo, e a unha perda na calidade dos servizos. Á vez, os altos directivos bancarios continúan aumentando os seus salarios.
Sucursal de Caixabank, que prevé despedir 90 persoas na Galiza. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Sucursal de Caixabank, que prevé despedir 90 persoas na Galiza. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

As entidades de crédito perderon 5.500 traballadoras e traballadores na última década na Galiza. Os procedementos de despedimento colectivo anunciados polo Banco Santander, BBVA e Caixabank van significar a perda de practicamente 600 empregos nos próximos meses na Galiza. Á cabeza das saídas sitúase o grupo Santander, a segunda entidade do país, cunha forte presenza territorial derivada da absorción do Banco Pastor e que vai desfacerse de 370 empregadas e empregados e fechar arredor de 80 sucursais. Ao tempo, os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) actualmente en fase de consulta adiantan 111 despedimentos no BBVA e entre 90 e 100 en Caixabank, o terceiro operador bancario da Galiza.

A dirixente do sector da banca da CIG e delegada sindical do grupo Santander, Rosa Conde, explica a Nós Diario o proceso de despedimentos como “unha estratexia que vén de atrás, deseñada pola Unión Europea e avalada polas autoridades españolas”. “Esta reconversión salvaxe do sector financeiro estaba prevista desde había anos, nós xa afirmabamos durante a crise financeira que o obxectivo era reducir a catro o número de entidades. Agora están aproveitándose da pandemia para acelerar os plans, forzando sectores da poboación a acudir a canles dixitais e expulsándoos das oficinas. Estase reducindo a competencia e camíñase practicamente a un oligopolio, que é aínda máis grave na Galiza”.

Unha reconversión ‘dura’

O responsábel da federación da banca de Comisión Obreiras (CCOO), Jorge Villarino, destaca en declaracións a Nós Diario que “o proceso de reestruturación bancaria está sendo especialmente duro para a Galiza”. Neste sentido sinala os problemas derivados da “perda de emprego de calidade, cuns salarios e unhas condicións laborais superiores á media” e “o empobrecemento para a Galiza pola perda de poder financeiro”. “Antes de 2008 contabamos con cinco entidades de crédito con sede social na Galiza: Caixa Galiza, Caixanova, Banco Pastor, Banco Galego e Caixa Rural Galega, e hoxe só quedan dúas entidades nesa situación”, lembra Villarino, quen alerta dunha situación de “exclusión financeira”.

Galiza perdeu na última década 51,52% das sucursais bancarias

A nova vaga de despedimentos no sector financeiro prodúcese nun momento en que as entidades están presentando grandes beneficios. Así, por exemplo, o BBVA ten declarado unhas ganancias no último cuadrimestre do pasado exercicio de 1.320 millóns de euros e achegado posteriormente a súa conta de resultados 8.500 millóns de euros adicionais tras vender a súa filial nos Estados Unidos. Outro tanto acontece con Caixabank, cun beneficio en 2020 de 1.381 millóns de euros, ao que deben sumarse 1.252 millóns a maiores destinados a provisións.

Galiza perdeu na última década 51,52% das sucursais bancarias. Os datos fornecidos polo Banco de España localizan o groso dos fechamentos nos anos dos grandes movementos de concentración financeira da primeira vaga de fusións, nun proceso de axuste ao que non escapan as áreas urbanas. Así, entre estas, lideran a supresión de oficinas as cidades de Lugo, cunha redución de 26,66%, e Ourense, con 25,33%, malia ter desaparecido nas comarcas desta circunscrición máis de 60% das sucursais. Neste sentido, Conde aclara que “en moitas localidades de Ourense onde se fecharon oficinas os servizos préstanse agora mediante axentes comerciais”. 

O aumento das comisións bancarias

O ritmo de fechamentos mantívose nos últimos catro anos. Segundo os datos ofrecidos por Villarino, “en 2017 existían 1.547 sucursais na Galiza e hoxe fican 1.231, a falta de que se concreten novos fechamentos derivados dos ERE. Os fechamentos concéntranse no rural e nos barrios periféricos das cidades, repartíndose practicamente metade a metade. Porén, non hai que agardar aos procesos de despedimento colectivos para que se produzan fechamentos”. Así, cita o caso do BBVA e doutras entidades, que van fechando “aos poucos”. Ao tempo, réstaselles competencias ás sucursais en detrimento dos servizos centrais, desaparecendo os servizos de proximidade que antes se prestaban”, sinala Villarino.

A redución dos servizos ás persoas usuarias e o aumento das comisións son unha das consecuencias máis evidentes do proceso de reconversión bancaria.

Os servizos á clientela son cada día menores e o incremento das comisións é exponencial ao recorte nas prestacións”, afirma Conde, quen recorda que “no último ano as entidades limitaron o servizo de caixa até as 11 horas e curiosamente a partir de 1 de xaneiro de 2021 faise efectivo en todas as entidades, e nese momento aumentan as comisións, obrigando os clientes a contratar determinados produtos de máis ou menos risco para evitar o seu pago. O oligopolio está a provocar un aumento das comisións”.

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, cobrou 2,58 millóns en 2019

O xurista e secretario xeral da Asociación de Consumidores e Usuarios da Galiza (Acouga), Xoán Antón Pérez Lema, denuncia, en conversa con Nós Diario, que “asistimos a un proceso de exclusión financeira que está provocando que o consumidor non se sinta atendido. O servizo dixital non funciona para determinados segmentos de idade e no rural cada día féchanse novas oficinas. Ademais, están reducindo a unha ou dúas horas diarias o horario de atención ao público. As Administracións públicas son responsábeis desta rebaixa na calidade dos servizos e de converter os consumidores en mercados non libres ao impedir pagos por medio que non sexan os bancos”.

“Unha persoa que cobra unha pensión de viúva ou de autónoma por unha contía de 700 euros vese obrigada a pagar unha comisión anual de 180 euros, uns 15 euros ao mes, que é moito diñeiro para eses ingresos”, sinala Pérez Lema, que responsabiliza “as Administracións públicas” dos “abusos que se producen coas comisións”. “Non hai tutela do consumidor por parte dos poderes públicos, á xente obrigáselle de facto a ter conta bancaria para pagar recibos, convértena en prisioneira dos bancos”. “De feito a lexislación xa impide pagos en efectivo por máis de 2.500 euros e están estudando reducilos a menos de 1.000 euros”, opina Pérez Lema, quen salienta que “ese proceso é parello á precarización das condicións de traballo”.

Os salarios dos directivos bancarios

O proceso de despedimentos masivos no sector da banca non foi acompañado dunha redución de salarios aos grandes directivos do sector. A ministra de Economía, Nadia Calviño, vén de solicitar aos equipos directivos unha diminución nas súas retribucións e de criticar o seu aumento nun momento que están reducindo, a mínimos, o seu cadro persoal.

Os salarios dos grandes executivos do sector varían entre os 6,4 millóns de euros e os 441.000 euros. Quen máis cobra é a presidenta do Banco Santander, Ana Botín, 6,4 millóns, seguida do conselleiro delegado de BBVA, Onur Genç, 3,4 millóns de euros, ao igual que o conselleiro delegado do Santander, José Antonio Álvarez. O conselleiro delegado de Caixabank, Gonzalo Cortázar, cobra 2,8 millóns de euros; e o presidente do Banco Sabadell, Josep Oliu, 1,98 millóns de euros. A continuación sitúanse o presidente de Unicaja, Manuel Azuaga, con 894.000 euros, e o conselleiro delegado de Liberbank, Manuel Menéndez, con 441.000 euros.

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, é un dos directivos mellor pagados do sector. Segundo se recolle no “Informe sobre as contas anuais consolidadas” da entidade, as súas retribucións en 2019 situáronse en 2,58 millóns de euros, fronte a 2,6 millóns de euros do exercicio anterior. A este respecto, as fontes consultadas por Nós Diario destacan que o directivo de Abanca ten unha remuneración superior á dos seus homólogos de entidades con máis volume de negocio e activos, como o Sabadell ou Unicaja.

Jorge Villarino e Rosa Conde amosan o seu rexeitamento á suba dos salarios dos directivos bancarios nun momento en que se están a executar despedimentos masivos no sector. A este respecto, Villarino sinala que “non hai que ser sindicalista; abonda con ser unha persoa para considerar que desde unha perspectiva moral son absolutamente reprochábeis”.
 

A banca destruíu 5.500 empregos e fechou máis da metade das oficinas na última década...
comentarios