Traballadoras e veciñas de Guísamo protestan polo inminente feche da oficina do Banco Santander

A concentración decorrida hoxe co apoio da CIG non vai ser a última no sector bancario na Galiza posto que tamén outros grupos como BBVA e Caixabank anuncian recortes de despachos e persoal.

Un momento da concentración de hoxe en Guísamo. (Foto: CIG)
photo_camera Un momento da concentración de hoxe en Guísamo. (Foto: CIG)

O cadro de persoal da oficina que o Banco Santander ten na localidade de Guísamo, no concello de Bergondo, manifestouse esta sexta feira para protestar polo plan da dirección para suprimir o estabelecemento e, en consecuencia, os postos de traballo e a atención á veciñanza.

De feito, varias clientas da sucursal tamén se achegaron até o lugar para reivindicar a necesidade de permanencia e trasladar o seu descontento coa decisión tomada desde as altas esferas.

A concentración, convocada pola CIG, vén a ser unha queixa pero tamén unha fonda reflexión sobre os servizos no rural. Neste sentido, desde CIG-Banca amósanse preocupados porque se vaia deixar a un número importante de cidadáns “sen acceso aos servizos financeiros”.

“Hai que ter en conta que boa parte da clientela que fai uso dos servizos da oficina no rural son persoas maiores ou que non dispoñen dos medios técnicos e coñecementos para manexarse na banca dixital ou incluso nos caixeiro, tal e como acontece no caso de Guísamo”, lamentou o sindicato.

Non vai ser a única oficina que desapareza e isto fará que a xente “teña que trasladarse desde a sucursal de toda a vida” a outra zona ou mesmo outro municipio, a despachos que “xa están colapsados”.

Esta reestruturación bancaria non só afecta ao público senón aos postos de traballo, que ao verse reducidos acaban con empregadas no paro e outras con máis carga nos seus postos.

Ademais, non só se da no caso do Santander, senón que xa se anunciaron despedidas e expedientes de regulación de emprego no país tanto en BBVA como en Caixabank, debido ás últimas fusións.

De feito, o mesmo sindicato anunciou hoxe que haberá unha nova concentración na terza feira, 28 de abril, diante das oficinas do BBVA en Compostela. En concreto serán nas sucursais das rúas Senra, Alfredo Brañas e Santiago do Estero. Así protestarán contra unha redución do cadro de persoal que afectará de forma directa a 111 operarias.

Comentarios