Abanca vese obrigada a retirar unha campaña após a vaga de críticas

A campaña dirixida ás persoas máis maiores provocou indignación entre clientes.

abanca

“Aínda vés á oficina para todo? Se podes ver os netos desde a tablet, podes sacar cartos desde o caixeiro”. A campaña de Abanca que pretendía animar as persoas maiores a se pasar á banca electrónica bateu cunha vaga de críticas e indignación que levou a entidade financeira a anunciar esta terza feira que retiraba esta publicidade.

“Pedimos desculpas a quen lles puidese molestar. A nosa intención non é incomodar a ninguén, polo que comezamos a retiralos”, expresa Abanca a través das redes sociais.

A campaña foi albo de críticas por non poucos motivos, desde as de falta de empatía até as que lle reprochaban unha publicidade como esta cando a entidade tamén ten responsabilidade na exclusión financeira, pasando polas acusacións de pretender recortar en persoal e entidades.

Entre 2008 e 2018 na Galiza desapareceron máis de mil sucursais bancarias, proceso que se deu da man do proceso de centralización e concentración bancaria así como do impacto das novas tecnoloxías e a banca e dos trámites por internet. Nunha década desapareceu 40% da rede bancaria na Galiza, segundo os dados recentemente publicados polo Banco de España.

O territorio máis afectado corresponde cos concellos ourensáns, que perderon 48% da súa rede (180 sucursais menos) e Pontevedra, con 363 oficinas desaparecidas, 44% das existentes. Na Coruña ese impacto foi pasar das perto de mil oficinas bancarias que había en 2008 até as 602 de agora, un 39% menos. En Lugo a redución foi de 30%.

Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34%.

Comentarios