Abanca tira agora da saúde para pedir ás maiores que non vaian ás oficinas

Após verse obrigada a retirar unha campaña pola polémica arredor, lanza a mesma mensaxe ás e aos clientes pero con outras palabras e a excusa de que o cambio débese só a pandemia. No entanto, polo de pronto o horario de caixa mudará en xuño e non se indica que vaia volver á normalidade.
Oficina de Abanca coa publicidade da campaña que substitúe a mensaxe da polémica. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Abanca coa publicidade da campaña que substitúe a mensaxe da polémica. (Foto: Nós Diario)

A mensaxe “Aínda vés á oficina para todo? Se podes ver os netos desde a tablet, podes sacar cartos desde o caixeiro” desapareceu da publicidade de Abanca, pero a idea que motivaba a campaña continúa adiante atendendo aos novos avisos que apareceron nalgunhas oficinas. As críticas por animar ás persoas maiores a apostar na banca electrónica e a indignación amosada nas redes sociais non fixo que a entidade financeira cese no seu intento de reducir o traballo presencial.

Así se pode observar nalgunhas oficinas nas que apareceron carteis, quer en galego, quer en castelán, nos que Abanca pregunta: "Aínda ves á oficina para todo?". Malia o cambio das palabras, a mensaxe é exactamente igual, o que se procura é desprazar á clientela presencial cara outros formatos que saen máis rentábeis á compañía.

Para intentar reducir a indignación pola mensaxe enviada ás e aos maiores, agora pídeselles que miren pola súa saúde. "Agora toca coidarse máis", apunta na campaña.

Malia prometer que "sempre estaremos aquí para ti", demandan á xente que vaia "á oficina só para o que precises", se ben esa idea xa se sobreentende, pois cando alguén chega alí é por algo en concreto que non pode ou non sabe resolver por outra vía máis tecnolóxica.

Aliás, xustificarse na pandemia queda en dúbida ao comprobar que a atención en caixa mudará aínda a partir de xuño. A partir dese mes só se poderán facer as operacións habituais que até agora se fan ao longo de todo o horario de 8.15 a 11 horas. En ningún caso hai unha advertencia de que logo de que pase o virus volverán os servizos habituais.

Segundo puido saber este diario, esta estratexia de Abanca non é nova. Nalgunhas oficinas intentan recortar a atención ás clientas e clientes desde hai anos a través da recomendación das e dos traballadores, que instan unha e outra vez á xente a elixir a banca electrónica. Tamén as recargas das tarxetas dos autobuses teñen que pasar polo caixeiro, coa conseguinte necesidade de axuda por parte de moitas usuarias (xa sexa de operarias da entidade ou doutras persoas alleas ao banco).

Se ben é certo que hai xestións que se solucionan nesa sorte de autoservizo, hai outras que Abanca aínda non adaptou á realidade actual como a recarga das tarxetas de prepago para mercar por internet e ter unha maior seguridade ante os roubos ou estafas cibernéticas. Tampouco se impulsou unha educación ampla para que a clientela -que non tería por que cambiar de costumes porque é a que mantén á compañía financeira- entenda as novas tecnoloxías e poida atender a ese empurrón cara fóra dos mostradores de Abanca.

Comentarios