mércores 05/05/21

BBVA quer despedir 111 persoas e fechar 59 oficinas na Galiza, Asturies e Castela e León

O ERE adóptase tras publicar uns beneficios no último cuadrimestre do pasado exercicio de 1.320 millóns de euros. O grupo BBVA é o cuarto en volume e presenza de activos na Galiza.
bbva sindicatos concentración

A dirección de BBVA propón o despedimento de 3.798 persoas e o peche de 530 oficinas -59 delas na Galiza, Asturies e Castela e León-- nun procedemento que fundamenta en motivos produtivos e organizativos derivados da transformación dixital, segundo fontes da negociación consultadas por Europa Press.

Na Galiza os despedimentos afectarían 111 traballadores: 66 na Coruña, 26 en Pontevedram 10 en Ourense e 9 en Lugo.

O plan de axuste aplicarase concretamente sobre os servizos centrais e a rede de sucursais de BBVA S.A., que conta cuns 23.300 empregados e empregadas, quedando fora o resto das sociedades da entidade no Estado.

BBVA apoia a súa decisión no contexto de profunda transformación para o sector, marcada por unha enorme presión competitiva, baixos tipos de interese, a adopción acelerada das canles dixitais por parte dos clientes e a entrada de novos actores dixitais.

O anuncio dun expediente de regulación de emprego (ERE) por parte do BBVA activou a resposta sindical que xa agarda o inicio das negociacións para esta mesma sexta feira.

O BBVA propón o despedimento de 3.800 empregados e empregadas no Estado e pechar 530 sucursais

Na Galiza esta entidade bancaria dispón dun cadro de 862 traballadoras e traballadores, a súa maior parte nas comarcas da Coruña (445), que conta coa sede territorial Noroeste, onde se inclúen, ademais da Galiza, Asturies e Castela e León. En total, a división move un volume de negocio de 45.000 millóns de euros e máis dun millón de clientes.

O ERE adóptase tras publicar uns beneficios no último cuadrimestre do pasado exercicio de 1.320 millóns de euros e de achegar á súa conta de resultados 8.500 millóns de euros adicionais tras vender a súa filial nos Estados Unidos de América. O grupo, o cuarto en volume e presenza de activos na Galiza, repercute esta decisión na súa clientela, reducindo o horario de atención ao público e fechando oficinas tanto no ámbito urbano como no rural.

Na Galiza esta entidade bancaria dispón dun cadro de 862 traballadoras e traballadores

O sistema financeiro enfronta a segunda quenda do proceso de reconversión bancaria iniciado en 2008 con despedimentos nos grandes operadores do sector que están a ter impacto na Galiza. Segundo sinala a Nós Diario a secretaria da Federación da Banca da CIG, Sefi Romero, “trátase dun proceso planificado polos organismos da Unión Europea (UE), de modo moi particular polo Banco Central Europeo (BCE), que conta co apoio das autoridades españolas e do seu órgano supervisor e que tenta culminar un proceso de concentración financeiro que comezou coa desaparición do sistema de caixas de aforro”.

comentarios