venres 07/05/21

Santander ofrece saídas a partir dos 55 anos con 70% do salario pensionábel

Na Galiza a nova vaga de feches vai implicar a desaparición dun terzo das oficinas que forman a rede actual da entidade bancaria.
A presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín (Imaxe: Europa Press)
A presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín (Imaxe: Europa Press)

Hai unhas semanas, Banco Santander comunicaba a súa intención de aplicar un novo expediente de regulación de emprego (ERE) para un máximo de 4.000 empregados, e que no caso da Galiza se vai traducir nunha nova vaga de feche de oficinas, até un terzo da rede actual.

Esta quinta feira o banco deu a coñecer aos sindicatos algunhas das condicións para facilitar a saída voluntaria de traballadores e traballadoras, entre as que figuran indemnizacións de 30 días por ano traballado para as persoas empregadas menores de 55 anos que abandonen a entidade, cun máximo de 20 mensualidades, mentres que para aquelas que superen esa idade e leven no banco máis de 15 anos ofrece prexubilacións que van desde 55% até 70% do salario pensionábel, sempre en función da idade.

No tocante ás indemnizacións, para o persoal menor de 55 anos ou maior desa idade pero con menos de 15 anos de antigüidade na entidade, o Santander propuxo o pagamento de 30 días por ano traballado, cun tope de 20 mensualidades.

Ás traballadoras e aos traballadores de entre 55 e 57 anos con polo menos 15 anos de antigüidade, o banco que preside Patricia Botín ofrécelles 65% do salario pensionábel, cun desconto do importe de desemprego durante dous anos, ou 55% do salario pensionábel, con 50% do complemento voluntario persoal e desconto do importe de desemprego durante dous anos, así como un convenio especial até os 63 anos, con revalorización máxima do convenio especial de 1%.

No que atinxe aos empregados e empregadas de 58 a 61 anos (con 15 anos de antigüidade) Santander ofrécelles deixar a entidade con 70% do salario  pensionábel ou 65% do salario  pensionábel e 50% do complemento voluntario persoal, ademais dun convenio especial até os 63 anos.

Finalmente, para os de 62 anos ou máis, o banco propón unha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades.

Para CCOO a proposta é "inasumíbel", xa que "dista moito dos acordos doutras ocasións", e insistiu en reducir o número de persoas afectadas antes de discutir as condicións económicas do ERE. Pola súa banda, UXT considera o axuste "inadmisíbel por desproporcionado" e di que as condicións son "totalmente insuficientes" para cubrilo "con voluntariedade real".

comentarios