Adicae denuncia á banca de práctica "oligopolística" no sector hipotecario

A asociación pide a intervención da Comisión Nacional de Competencia (CNMC).
O presidente de Adicae, Manuel Pardos (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente de Adicae, Manuel Pardos. (Foto: Europa Press)

A Asociación de consumidores e usuarios de bancos, caixas, produtos financeiros e de seguros (Adicae) pediu a "intervención inmediata" da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) ante a "actuación oligopolística" da banca no mercado hipotecario.

O organismo tamén anunciou que presentará denuncias en varios organismos e institucións como o Ministerio de Asuntos Económicos, o Ministerio de Xustiza ou o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Esta segunda feira Adicae deu a coñecer unha serie de denuncias e escritos en resposta ao debate e problemas do mercado hipotecario, entre as que destaca a petición dunha intervención inmediata da CNMC ante a "actuación oligopolística" da banca, que "impón diferenciais nas hipotecas a interese variábel e fixa un prezo abusivo nas de interese fixo".

Tamén vai pedir ao Goberno español que impulse unha "reunión extraordinaria" do Consello de Ministros da Unión Europea (UE) para analizar as "crises sociais" que implica a "irracional e daniña" suba de tipos de xuro que está a aplicar o Banco Central Europeo (BCE) e para que se propoña á banca e aos Gobernos "medidas adecuadas e racionais" dentro da UE.

Cláusulas solo

Igualmente, vai solicitar medidas ao Consello Xeral do Poder Xudicial para axilizar o pronunciamento que o Tribunal Supremo ten pendente na demanda colectiva de cláusulas solo.

A propia organización foi quen levou aos tribunais a práctica das cláusulas solo, nas que os bancos impuñan uns xuros mínimos nas taxas das hipotecas variábeis para evitar que estas baixasen de determinado prezo.

Por último, pedirá o estabelecemento de fórmulas e medidas necesarias para que os seis millóns de hipotecados que pagaron "indebidamente os chamados gastos hipotecarios obteñan a urxente devolución dos ao redor de 1.000 euros que corresponden como mínimo a cada un sen verse emprazados a demandar individualmente".

Comentarios