Os fogares galegos destinaron 27% dos seus ingresos anuais a pagar a hipoteca

O acceso á vivenda complícase na Galiza. A suba dos prezos dos inmóbeis e o encarecemento das hipotecas como consecuencia da suba do Euribor déixase notar con forza no mercado. Os fogares galegos destinaron o ano pasado 27,7% dos seus ingresos anuais ao pago do seu préstamo hipotecario.
Un total de 175.450 fogares tiñan contratada unha hipoteca en 2021 (Foto: Europa Press).
photo_camera Un total de 175.450 fogares tiñan contratada unha hipoteca en 2021. (Foto: Europa Press)

As hipotecas fecharon 2022 cun encarecemento de 48,71%. Unha simulación das condicións para un préstamo medio -que no Estado español, segundo o Instituto Nacional Estatística (INE), ten un importe próximo a 150.000 euros e un prazo de case 25 anos- revela que as cotas hipotecarias medraron no pasado exercicio unha media de 250 euros ao mes.

A alza percíbese tamén nas hipotecas por baixo e por riba da media. Así, para as primeiras, HelpMyCash, un portal especializado en produtos financeiros, apunta que as cotas dun préstamo de 80.000 euros a 25 anos, referenciado no Euribor máis 0,6 en 12 meses, medrou en 134,41 euros ao mes. No caso das segundas, o mesmo portal sinala que as cotas dun crédito de 200.000 euros a 25 anos, referenciado no Euribor máis 0,6 en 12 meses, aumentou en 336,04 euros ao mes. 

As causas da suba dos créditos hipotecarios atópanse na alza do Euribor. Precisamente este índice que marca o tipo europeo da oferta interbancaria fixa o tipo de xuro ao que as entidades de crédito da zona euro están dispostas a prestarse o diñeiro entre elas. A principal razón do incremento do Euribor sitúase no cambio da política monetaria por parte do Banco Central Europeo (BCE).

As autoridades bancarias comunitarias asumen a doutrina que vincula o aumento da inflación a un incremento da masa monetaria e, por conseguinte, entenden que unha diminución da mesma reduce a alza dos prezos. Porén, o destacado incremento do Índice de Prezos do Consumo (IPC) desde a segunda metade de 2021 pon en cuestión este aforismo.

O BCE subiu os tipos de xuro en catro ocasións durante 2022. Así, pasaron de 0% a 0,5% en xuño, de 0,5% a 1,25% en setembro, de 1,25% a 2% en outubro e de 2% a 2,25% en decembro. Nesta dirección, o Euribor, que comezou o ano con valores negativos de -0,47%, rematou decembro en 3,01%, a súa referencia máis elevada desde o ano 2008.

As previsións apuntan a unha suba do Euribor para 2023, empuxado polas políticas da autoridade monetaria europea. Nesta liña, HelpMyCash avanza unha alza a 3,50% para o primeiro semestre do ano. Na mesma dirección, Bankinter sitúao no mesmo período en 4% e a Fundación de Caixas de Aforros (Funcas) en 3,10%. Porén, o servizo de estudos de CaixaBank rebáixao a 3,51%. 

As familias galegas destinaron o ano pasado 27,7% dos seus ingresos anuais ao pago do seu préstamo hipotecario. Segundo os datos que vén de fornecer o Instituto Galego de Estatística (IGE) para o terceiro trimestre de 2022, o esforzo financeiro en materia de accesibilidade á vivenda tense incrementado no último exercicio en 1,7 puntos. O IGE revela que esta porcentaxe situouse no primeiro trimestre de 2022 en 26,2%, no segundo en 26,9% e no terceiro 27,7%.

Porén, o incremento máis elevado da alza de tipos formalizouse entre outubro e decembro, cunha suba do Euribor de un punto, polo que o impacto máis importante vaise dar naqueles fogares obrigados a revisar o seu crédito hipotecario nese período do ano.

175.450 fogares galegos tiñan contratada unha hipoteca en 2021. A este respecto, as cifras procedentes da Enquisa estrutural de fogares, elaborada polo IGE, destacan que o esforzo financeiro das familias para chegar a unha vivenda en propiedade varía en función dos niveis de renda, significando para 3,39% máis de 50% dos ingresos anuais, para 6,85% entre 40% e 50% dos ingresos anuais, e para 15,26% entre 30% e 40% dos ingresos anuais.

A presión hipotecaria

Os prestamos hipotecarios e os ingresos destinados polos fogares ao pago dos mesmos seguen moi lonxe das cifras dos anos da burbulla inmobiliaria. No ano 2007 as familias galegas destinaron 53,3% das súas rendas ao pago do seu crédito, formalizándose só naquela anualidade 42.936 hipotecas.

Aínda así, os datos do exercicio 2022 destacaron por un importante incremento dos préstamos hipotecarios, favorecidos polo temor das usuarias e dos usuarios a unha futura restrición do crédito como consecuencia da suba de tipos.

As hipotecas a prazo fixo

As hipotecas a prazo fixo estanse convertendo na alternativa para moitas persoas. Tanto é así que en 2022 rexistraron a porcentaxe máis elevada de todo o ciclo histórico. Segundo o Banco de España, tres de cada catro novos clientes hipotecarios optaron por estes préstamos.

Comentarios