O BCE sobe 0,5% os xuros co Euribor en récord desde 2008

A institución financeira prevé un novo aumento dos tipos de xuro en marzo.
O incremento dos tipos de xuro encarecerá as hipotecas (Foto: Arxina).
photo_camera O incremento dos tipos de xuro encarecerá as hipotecas. (Foto: Arxina)

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu esta quinta feira elevar os tipos de xuro 0,5%, de forma que a taxa para as operacións de financiamento -o tipo de xuro que os bancos pagan para obter financiamento a unha semana- situarase en 3%, mentres que a taxa de depósito -o tipo de xuro que as entidades de crédito reciben polos seus depósitos a un día- alcanzará 2,5% e a taxa de facilidade de préstamo -o tipo de xuro que os bancos pagan para obter financiamento a un día- ficará en 3,25%.

Así mesmo, o BCE adiantou que, en vista das presións sobre a inflación subxacente -aquela que non ten en conta os alimentos frescos e a enerxía-, "prevé aumentar os tipos de xuro 0.5% máis na súa próxima reunión de política monetaria de marzo", elevando entón a taxa de referencia a 3,5%, para posteriormente avaliar a senda futura da súa política monetaria.

"O Consello de Goberno continuará o curso de subas significativas a ritmo sostido dos tipos de xuro e manteraos en niveis suficientemente restritivos para asegurar o retorno oportuno da inflación ao seu obxectivo de 2%", asegurou a institución.

O banco central defendeu que manter os tipos de xuro en niveis restritivos reducirá a medio prazo a inflación ao moderar a demanda, e servirá de protección fronte ao risco dun desprazamento persistente á alza das expectativas de inflación.

En todo caso, subliñou que as futuras decisións do Consello de Goberno sobre os tipos de xuro oficiais continuarán dependendo dos datos e seguindo un enfoque no que as decisións se adoptarán en cada reunión.

Quinta suba consecutiva

Con esta quinta suba consecutiva do prezo do diñeiro, que se situou no seu nivel máis alto desde finais de 2008, o BCE non dá mostras de relaxación na normalización da súa política monetaria, tras a suba de 0,5% en decembro e os dous incrementos de 0,75% acometidos nas reunións de outubro e setembro, despois dunha suba inicial de medio punto porcentual en xullo de 2022.

É previsíbel que esta nova suba dos tipos de xuro provoque novos aumentos do Euribor, o índice de referencia para a maioría de hipotecas variábeis na Galiza, que alcanzou unha taxa media superior a 3,3% en xaneiro, obtendo o seu maior nivel desde decembro de 2008.

Comentarios