Atletismo

Todo sobre o Campionato Galego de Pista Curta deste sábado

400 atletas competirán polos ouros en Expourense.
As ausencias de Belén Toimil ou Ana Peleteiro abren a porta a caras novas no peso ou a lonxitude. (Foto: FGA).
photo_camera As ausencias de Belén Toimil ou Ana Peleteiro abren a porta a caras novas no peso ou a lonxitude. (Foto: FGA).

O campionato máis importante do calendario da pista curta -o que até o pasado ano 2023 coñecíase como pista cuberta- do panorama galego chega o sábado a Expourense coa disputa do nacional absoluto, que xuntará sobre o sintético do recinto da Cidade das Burgas a preto de 400 atletas nun certame que alcanza a súa edición número 39.

Nas probas de velocidade masculinas Adrián Pérez parte como favorito nos 60 metros lisos, dada a súa condición de único competidor que logrou baixar dos sete segundos no que vai de tempada, a diferenza do que se prevé na feminina, pois os mellores rexistros de Cristina Garrido e Antía Pernas difiren en tan só tres centésimas.

Outra das disciplinas do sector que teñen a igualdade por bandeira é a dos 200, na que Cortizo, Román, Triana, Soler, Rodríguez ou mesmo Lires poderían subir ao máis alto do podio, mentres que entre as mulleres Andrea Pais é clara candidata a colgar do pescozo a medalla de ouro. 

Nos 400 volve alternar a cousa, pois se Alicia Barreiro figura como indiscutíbel aspirante ao triunfo final feminino, no plano masculino a carreira debería estar moito máis axustada, con Jacobo Soler, Jorge Román e Alexis Miguéns como cabezas de cartel.

Elian Numa, unha estrela de futuro no medio fondo

Movendo o foco ás especialidades de fondo e medio fondo, nos 800 metros lisos o internacional coruñés Elian Numa é o máximo favorito, condición que comparte con Jorge Puig -que chega incluso con mellor marca que o herculino- e Pablo Bocelo. 

Xa no referente aos valos, a participación da vixente campioa galega, Claudia Rojo, dará a priori poucas opcións ao resto das súas rivais, estando algo máis aberta a competición masculina, na que Hugo Vázquez terá en  Santiago Trastoy, o do Lucus, a un serio rival ao título.

No apartado de concursos, o internacional en combinadas Adolfo Sainz-Maza aspira a elevarse ao cumio do caixón no concurso de altura, meta que comparte coa gañadora na categoría Sub-23 hai apenas unha semana, Andrea Reixa.

Tamén desde a base pretende dar o salto, nunca mellor dito, Manuela Blanco, quen após rachar cos récords galegos Sub-20 e Sub-23 preséntase nas ligas maiores, estabelecendo un dominio teórico que non se dá entre os homes, xa que tanto Tomás López como Luis Fernando Moro poderían facerse coa vitoria final. 

 Outras disciplinas nas que non resulta arriscado aventurar un espectáculo de primeira orde en Expourense son o salto de lonxitude, o triplo salto -con Diauo Diallo á cabeza- e o lanzamento de peso, onde Xiana Lago, ante a ausencia de Belén Toimil, non debería ter dificultades para facerse co ouro.

Comentarios