Máis de 6.000 deportistas inzarán Ourense de atletismo co gallo dos Galegos 'indoor'

A proba cambia a denominación de 'pista cuberta' pola de 'pista curta'.
Belén Toimil, a lanzadora de peso, será un dos grandes atractivos do Campionato Xunta da Galiza na súa modalidade sénior. (Foto: EP).
photo_camera Belén Toimil, a lanzadora de peso, será un dos grandes atractivos do Campionato Xunta da Galiza na súa modalidade sénior. (Foto: EP).

A pista sintética de Expourense, como vén sendo habitual nos últimos anos, volverá ser a sede dos distintos Campionatos Xunta de Galiza de Pista... Curta, pois esta será a primeira edición na que os certames se desenvolva baixo a nova denominación estabelecida pola World Athletics, que desterra a tradicional "pista cuberta" que se empregou durante máis de 150 anos.

A razón detrás desta medida é que, como sinalou a lenda do atletismo e actual presidente da Federación Internacional, Sebastian Coe, baixo o novo concepto "a pista curta de 200 metros que até o de agora sempre se usaba en interiores non estará limitada a unha contorna baixo teito, permitindo que se usen pistas de 200 metros tamén ao aire libre, o que brindará unha opción máis accesíbel para as cidades onde o espazo para infraestruturas é escaso".  

Xa que logo, este Galego de pista cuberta, perdón, de pista curta -150 anos de costume non se deixan atrás nun día- absoluto será o prato forte da tempada invernal, como acredita a presenza na Cidade das Burgas de máis de 6.000 deportistas o próximo día 27 de xaneiro, entre as que destacan a mundialista e plusmarquista estatal en lanzamento de peso, Belén Toimil; a dúas veces medallista paralímpica Adi Iglesias, quen volverá optar a todo no sector da velocidade; o tamén olímpico Jean Marie Okotu no salto de lonxitude; ou as internacionais El Mehdi El Nabaoui, Ester Navarrete, Alba Cuns, Diaou Diallo e Olaia Guisela Becerril, entre outras.

Atletismo para todos os públicos en Expourense

Con todo, alén da categoría sénior hai outras con gran atractivo que, non obstante, pese a desenvolverse no mesmo recinto están programadas máis adiante, casos dos Campionatos da Galiza Sub-10, Sub-12 e Sub-14, que se levarán a cabo na fin de semana do 9 e 10 de marzo.

Un pouco menos haberá que agardar para os seus eventos homólogos na Sub-16 e Sub-18 (prevista o 10 e 11 de febreiro), Sub-20 (24 de febrero) e Sub-23 (21 de xaneiro), que contarán, de igual modo, con grandes atletas, xa que nos mesmos tomarán parte algunhas dos competidoras con máis proxección de futuro, como Xela Martínez, Alicia Barreiro, Leo Rodríguez, Xiana Lago,  Lara Iglesias, Isabel Caeiro, Pedro Vázquez, Álex Sierpes ou Sabela Castelo.

Ademais, e se o atletismo é considerado un dos deportes individuais por excelencia, durante este 2024 tamén haberá sitio para a disputa de interesantes encontros no apartado colectivo. Un bo exemplo son as Copas de Clubs tanto na modalidade absoluta (14 de xaneiro) como na Máster (7 de febreiro), que xuntarán en Ourense os mellores conxuntos do país.

Pola súa banda, o formato de combinadas será protagonista durante os días 20 e 21 de xaneiro e o 3 e 4 de febreiro. Esta especialidade, que conta con gran tradición na Galiza,  representa na actualidade un dos sectores importantes do atletismo galego, como demostran os numerosos e numerosas medallistas  estatais e internacionais que estarán presentes no Campionato Xunta de Galiza, brillando con luz propia os nomes de Lucía Sánchez del Valle, Adolfo Saínz Maza ou Eva Martínez .

A atención recaerá nos e nas veteranas o día 28 de xaneiro

O atletismo é un deporte para todos e todas, sen distinción de sexo e, por suposto, de idade. Por iso, os e as máis veteranas serán o centro de atención no Campionato Xunta da Galiza Máster, previsto o domingo 28 de xaneiro. Así, dos 35 anos en adiante, como por exemplo os máis de 80 cos que conta o recordman mundial Pepín rioseco, medirán forzas nun torneo no que, ademais, destacan Carlos Morales ou Esther Pedrosa. 

Máis en DEPORTES
Comentarios