O campionato estatal de pista cuberta Sub-16 aterra en Ourense

O atletismo galego participará con 35 deportistas e contará con varias posibilidades de medalla. 
A atleta Sabela Castelo participará neste campionato (Foto: FGA).
photo_camera A atleta Sabela Castelo participará neste campionato (Foto: FGA).

A pista de Expourense, na cidade das Burgas, acollerá esta fin de semana o Campionato de España de pista cuberta Sub-16. Na presentación do evento deportivo, realizada onte, anunciouse a participación galega de 35 atletas que se sumarán ao resto de participantes a nivel estatal.

Entre a relación galega de aspirantes a podio, cóntase coa presenza do atleta do Adas Cupa, Arón Pérez,  quen recentemente logrou o récord galego na proba dos 60 metros, cun tempo de  7,19.

Tamén estarán nos postos de favoritos, na proba dos 300 metros, Adrián Bernárdez, do Val Miñor, e Sebastián Bascoy, do Coruña Comarca. 

No medio fondo e fondo, as mellores opcións virán nos 600 metros, por parte de Javier Picos, do Marineda. Sabela Martínez, da Sociedade Ximnástica, competirá nos 1.000 metros. Ambos os dous afrontarán como líderes estas probas na que parten como serios aspirantes ao podio. 

Nos 3.000 metros, a aposta de calidade viría da man de Sabela Castelo, do San Miguel de Marín, e de Alex Sierpes, do Atletismo Trega de Tomiño.

O atleta guardés esnaquizou en xaneiro o récord galego cadete dos 3.000 metros de pista cuberta. Carmen Martínez, da Atlética Lucense, será outra das atletas a ter en conta nesta distancia. 

Lanzamentos e combinadas

En lanzamentos, Hugo Casañas, do Rías Baixas, estará tomando parte no concurso de peso, unha proba na que quedou ás portas do récord galego recentemente.

Para as combinadas, a Galiza conta con Celia Fernández, do Coruña Comarca, e Nuno Castro, do Atletismo Millaraio.

Por último, Iria Soleira, do CD A Purísima, loitará por medalla nas probas de altura, moi especialmente de triplo, onde se achega ca terceira mellor marca.

Comentarios