O Obradoiro sitúa o traballo colectivo como chave para superar o Tenerife

O técnico do Obradoiro, Moncho Fernández, di que "o noso 1x1 debe ser bo" para gañar ao equipo canario.
O técnico Moncho Fernández co director do IES, Manuel Portas (Foto: Nós Diario).
photo_camera O técnico Moncho Fernández co director do IES, Manuel Portas. (Foto: Nós Diario)

O Monbus Obradoiro disputará esta fin de semana un novo encontro da liga na Caldeira, recibindo o Lenovo Tenerife (sábado, 18 horas). O técnico do equipo compostelán, Moncho Fernández, realizou onte unha rolda de prensa na que analizou o próximo rival, momentos antes de comezar unha actividade co alumnado do IES Xelmírez I da capital galega.

“Espero un Tenerife que é Top 3 en puntos por posesión e en puntos encaixados, o que quere dicir que son moi bos diante e detrás, que perden moi poucos balóns, que teñen moi ben o balance do seu xogo e que saben explotar as características do seu persoal”, explicou o técnico obradoirista. 

Preguntado por Shermadini e o resto do persoal tinerfeño, Moncho Fernández destacou que o xeorxiano "é un dos grandes xogadores de Tenerife e é o que ten unha maior porcentaxe de puntos por tiro de dous”.

O adestrador salientou que os canarios son “un equipo que pode xogar cos ollos fechados” e unha das razóns disto é que “levan moito tempo co mesmo adestrador, a base do persoal mantense con xogadores moi importantes e esa continuidade fíxolles ser un equipo excepcional agora mesmo”.

A receita de Moncho

O técnico confesou que a resposta para gañar este sábado “vai estar no colectivo”, polo que admite que “necesitaremos un traballo máis coral que o realizado en Zaragoza se queremos deter a fluidez ofensiva do equipo canario”. Propón como receita “facerlles un partido o máis difícil posíbel” no que “non teñan lecturas cómodas, que o noso 1x1 sexa bo”. 

Por último, en opinión do técnico compostelán, “haberá que loitar moito e estar acertados en moitas cousas: no rebote e en ler as poucas vantaxes que nos conceda o Tenerife”.

Comentarios