Moncho Fernández: "A pandemia afecta a todos os colectivos, pero nós somos uns privilexiados"

Un ano máis, o destino do único equipo galego na Liga ACB está nas mans de Moncho Fernández, un estudoso do baloncesto que chegou a ser profeta na súa terra, estraña ás afeccionadas e recoñece que no deporte profesional están moito máis protexidos da pandemia que no resto da sociedade
O técnico compostelán leva desde 2010 no equipo da súa cidade. (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O técnico compostelán leva desde 2010 no equipo da súa cidade. (Foto: Monbus Obradoiro).

Os bos resultados mudan o obxectivo ou continúa a ser a permanencia?

Os obxectivos non son algo que se estabeleza dun día para outro. Son froito de moitos factores que teñen que ver co noso orzamento, con quen somos, quen son os nosos rivais, etc. Digamos que a revisión dos obxectivos non se pode facer cando só levamos un terzo de Liga. O que temos é que seguir traballando noutros obxectivos que veñen antes do obxectivo máximo, como é recuperar a xente mancada, seguir a facer un grupo, converter o cadro de xogadores nun equipo, desenvolver as nosas habilidades baloncestísticas o mellor posíbel... Os obxectivos máis pequenos do día a día fan que, ao final, se alcance satisfactoriamente o obxectivo final. 

Como consegue construír unha estrutura sólida sobre unha base de xogadores case completamente nova ano tras ano?

Na súa pregunta personaliza en min, pero aquí hai un traballo de moita xente. Para conseguir transformar o cadro de xogadores nun equipo, como falabamos, hai moito traballo do corpo técnico, dos adestradores, preparador físico, fisios, médicos... da xente que non está na pista, pero que forma parte do club, que fan que a estadía dos xogadores aquí sexa a mellor posíbel, e máis nestas circunstancias. O que intentamos é buscar esa base sólida non no xogo, senón nos valores: na amizade, na xenerosidade, na solidariedade... Naqueles valores universais que, á marxe de cal sexa a túa orixe xeográfica, todo o mundo entende. Sobre isto, é moito máis doado construír despois o baloncesto.  

É imposíbel non preguntar sobre algo relacionado co 'monotema'. Como é o baloncesto sen público nas bancadas?

Moito máis triste e diferente. Botamos moito de menos o noso público. Sabemos que están aí, que están a facer un esforzo moi grande apoiándonos económica e animicamente, pero os espectáculos -e o baloncesto é un- sen público perden moitísimo, porque a interrelación entre xogadores e bancada fai que moitas veces, en momentos de estado de ánimo nos que estás máis decaído, te levantes. 

Estalle provocando moitas dificultades no traballo diario -aprazamentos de partidos incluídos- a situación que está a xerar a pandemia? Como están traballando neste eido a nivel de vestiario?

A pandemia afecta a todos os colectivos e nós, ao revés do que moitos poidan pensar, somos un colectivo privilexiado. As nosas condicións de traballo son excepcionais, xa que cada moi pouco tempo nos fan probas de control da nosa saúde, e estamos moito máis protexidos. Sentímonos privilexiados neste momento no que todo o mundo está a sufrir. En canto ao día a día, a capacidade de adaptación do ser humano din que é enorme. E nós o que facemos é adaptarnos ás novas premisas e ás instrucións dos que saben máis, dos expertos. No ámbito social e persoal si que o notas, pero no profesional estamos a traballar sen problema.

Leva adestrando en Compostela, a súa terra, desde o ano 2010, e xa é un dos adestradores de elite máis lonxevos de todo o continente europeo. Neste tempo xa respondeu moitas veces á cuestión de cales eran os seus referentes, mais, segue tendo espellos nos que mirarse a estas alturas?

Por suposto. E seguro que os seguirei a ter até que non sexa adestrador. Os espellos non só teñen que ver co aspecto deportivo, senón tamén co humano. Penso que a capacidade de aprendizaxe das persoas é ilimitada, e remata cando nos imos deste mundo. No meu caso, a miña capacidade de aprendizaxe segue a non ter límites, e por iso intento aprender de todo o mundo: dos compañeiros adestradores cos que comparto o meu día a día, dos técnicos dos equipos aos que me teño que enfrontar, dos doutras ligas... E no aspecto humano, segue a haber moitísimos referentes nos que fixarme. 

Non obstante, o seu contrato finaliza no verán de 2021. Será entón tempo da, se non me equivoco, quinta extensión de contrato ou o momento de explorar novos horizontes?

Cando chegue ese verán, en 2021, veremos que sucede. 

Xa para finalizar, que opinión lle merece o polémico sistema de ascensos á Liga ACB?

Ningunha. A aquilo que non depende dun mesmo, como sempre digo, non lle dou voltas. Supoño que aqueles que estabelecen os sistemas de ascensos o farán baseados en premisas e reflexións que a min se me escapan totalmente. 

Comentarios